Silencio regulado

OPINIÓN

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares laiábase de que concellos dinamarqueses quixesen regular o canto dos galos. Non lle cabía na cabeza que a alguén lle puidese amolar algo así ata o punto de non deixalo durmir. Para el era tanto como prohibir os sons que producen a chuvia, o vento ou mesmo os latexos do corazón. Estou certo de que o meu veciño gustaría dun libro divertido do finlandés Arto Paasilinna onde un muiñeiro ouvea polas noites para expresar a súa tristura e, a un tempo, trastornar a paz dos veciños, que miran de o internar nun centro psiquiátrico para poderen prender no sono.

O certo é que, moitas veces, para resolver un problema creamos outro. Por exemplo, o outro día dábase conta neste periódico da denuncia dunha muller diante da Garda Civil de Lousame por culpa dun sistema para axotar xabarís e calquera outro animal que puidese estragar as colleitas de millo. O mecanismo seica é unha bombona de gas butano conectada a unha máquina e mais a un tubo que producen, cada vinte minutos, un estoupido semellante ao disparo de escopeta. Como somos un país ruidoso non teño claro se a maioría da xente estaría de parte dos agricultores ou do benestar persoal da señora. Eu decántome pola señora, talvez porque son un pouco repugnante e ata non hai moito adoitaba queixarme do ruído das atraccións que poñen debaixo da casa, das misas radiadas a todo volume polos altofalantes da igrexa, das campás que pautan o tempo e meten a morte na casa ou dos fogueteiros espontáneos que celebran calquera vitoria deportiva. Consciente de que nada podía facer contra esta contaminación acústica, optei por reforzar hermeticamente as fiestras e gañei en saúde e tranquilidade. O malo é que agora xa non escoito o marabilloso canto dos galos.