Que si, que xa sabemos o ben que vai a economía e o lonxe que queda a recesión. Ata hai uns meses só llo oiamos ao PP, pero agora xa o escoitamos no PSOE. A maxia moderna é emborracharnos de números para que non vexamos que detrás deles está a xente. A economía só ten sentido se mellora a vida das persoas. Así que pasemos dos números aos nomes. Se a economía vai tan ben, por que morreu este verán unha persoa en urxencias, na Estrada, agardando polo único médico que había? Como pode estar morrendo xente en Galicia por falta de persoal sanitario nos hospitais? Que clase de necios nos gobernan dende a Xunta? Por que faltan pediatras nas cidades? Por que non hai hemodinámica 24 horas en Lugo e Ourense? Temos un goberno que segue cos recortes desapiadados, que privatiza e fai negocio á custa de roubarnos a saúde. Pois o primeiro para nós é a vida, así que empezaremos por esixir responsabilidades e máis persoal sanitario. Porque cada vida salvada non ten prezo.
Se os números cadran, por que moita xente do noso contorno non chega a fin de mes? Por que a xente traballa e non sae de pobre? Por que ser autónomo é sinónimo de ser escravo? Por que todos coñecemos xente moza emigrada? Por que as mulleres cobran menos? Que lonxe quedan os chistes de mileuristas... Dános a risa o da recuperación. Así que o noso segundo eixe será combater a precariedade laboral e social. Agora que hai, a repartilo, que xa apertamos o cinto abondo.
Talvez os números que cadran son os das grandes empresas, por iso temos as facturas da luz e de Internet máis altas de Europa; por iso nos subiron as comisións bancarias e nos enganan en cada hipoteca, cláusula chan ou preferentes. Pois estamos fartas destas estafas masivas, así que imos combatelas, que o Parlamento, cando quere, pode. Pero non quere. Prefire estafarnos a nós co catastrazo que protexernos dos peixes gordos. Por algo será que González, Aznar, Fernández de Mesa ou Jordi Sevilla atopan doado acomodo entre os estafadores.
E se queremos un territorio cohesionado, con servizos en todas as comarcas, ben comunicado por bus ou tren e sensible co medio ambiente... dun goberno que esixa un financiamento xusto xa demostraron que nin querían nin sabían. Pois diso falaremos nós. Para ofrecer unha alternativa na que entre os números haxa sitio para moitos nomes. O de todas e todos vós.