O panorama político mudou notablemente. A dereita cría que tiña garantido o control político das institucións durante tempo e que non había alternativa de esquerdas con posibilidade de goberno. Os socialistas, con Pedro Sánchez á cabeza, rachamos ese escenario político, recuperamos a iniciativa e acadamos maior apoio social e posibilidades electorais. E cando haxa eleccións, os socialistas volveremos ser a primeira forza na política española.
Para a dereita o goberno era un elemento fundamental á hora de manter a súa fortaleza, e sen goberno a dereita está desnortada e ensaiando se a solución interna e o referente que propón será permanente ou puramente transitoria. Porque se a Rajoy houbo que retiralo por non asumir a importancia da sentenza da Gürtel, non hai evidencias de que o PP entendera a mensaxe e a importancia da rexeneración e exemplaridade. A volta á dereita máis dura non é un camiño de futuro.
Os socialistas pechamos a etapa de Rajoy en España, e agora pecharemos a etapa de Feijoo en Galicia. Despois de tres maiorías consecutivas, a Galicia que nos deixa Feijoo non vai a mellor. A falla de proxecto para o país, a carencia de política económica, a desfeita das políticas sociais ou o abandono do rural amosan un país cun fondo problema demográfico e con menos posibilidades de futuro. Feijoo nin tivo proxecto nin foi un gran xestor, e foi cómplice dos gobernos de Rajoy. A Galicia non lle foi ben cos gobernos da dereita, que non investían o presupostado, que aplicaron o copagamento farmacéutico, que dicían que era imprescindible conxelar as pensións. Unha dereita cínica que se atreve a abrir a boca agora, cando calou mentres gobernaba.
Pero Feijoo é un político espido, a quen a través do poder lle conseguiron facer un traxe. Pero ese traxe de bo xestor é unha creación ficticia. E agora empézase a detectar o que non hai, así como o que falta. Por iso vaise abrindo unha nova etapa na política galega, na que os socialistas imos amosar o noso compromiso con Galicia e con cada un dos nosos concellos. Porque, alí onde gobernamos, os nosos alcaldes e alcaldesas son de referencia, e onde non o facemos non aparecen políticas municipais capaces e efectivas.
A política de Feijoo ten un forte déficit nas cidades galegas, e tense esquecido da revitalización da Galicia interior e do medio rural. E cada vez somos máis os galegos e as galegas que o sabemos e o queremos cambiar. Co impulso e a forza revitalizada da esquerda estamos en condicións de pechar a etapa da dereita en Galicia como o fixemos en España.