A muller do César

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos temos puntos escuros. O ser humano é así. Non somos anxos, nin vivimos no interior de burbullas onde non é posible a contaminación. A cuestión de fondo está na luz ou na sombra que proxectamos: no caso das persoas que se dedican á vida pública o bo exemplo ou modelo de comportamento, prácticas e valores que inciden na cidadanía, o que o dicionario define como exemplaridade. O vellos falaban de predicar co exemplo. A exemplaridade é un dos factores básicos do proceso educativo, tanto para os individuos como para as colectividades (pedagoxía social), e as persoas que están á fronte ou aspiran liderar calquera idea ou proxecto colectivo non poden obviar esta cuestión. Necesariamente están comprometidas coa práctica do seu propio discurso. Non lembro se é Suetonio ou Plutarco, quizais os dous, quen narra a historia de Pompeia Sila, a segunda muller de Xulio César, acusada de participar nunha festa onde seica se realizaran prácticas impropias dunha muller casada. Nunca se chegou a probar que Pompeia participase en tales prácticas, mais César repudiouna publicamente, diante do Senado, mesmo sendo consciente da ausencia de probas, e daquela é a famosa frase que se non a pronunciou el pasou á historia: «Non abonda con que a muller do César sexa honesta, tamén ten que parecelo».

A efectos sociais (e por tanto tamén a afectos políticos) as cousas non son como son, senón como parece que son, ou dito doutra maneira: a realidade é tal como o público a percibe, o que pode chegar a ser terriblemente inxusto, pois a máquina da comunicación, chea tamén de intereses (e de ruídos), actúa no canal e, en moitas ocasións, manipula desvergonzadamente o discurso. Onde está a verdade e onde a mentira interesada? De aí a importancia de medios de comunicación honestos, independentes, comprometidos cos feitos (contrastados) e ao servizo da sociedade, que é a verdadeira e única propietaria da información. Non corren os mellores tempos para a credibilidade do discurso. Nunca houbo tanto ruído no canal, que aparva e narcotiza. Por iso os líderes da política, os dirixentes ou futuros dirixentes da cousa pública teñen, hoxe máis ca nunca, unha altísima responsabilidade: o exercicio da exemplaridade, fundamentada na transparencia. Luz e taquígrafos!, dicían os clásicos.

Non podemos pedir outra cousa. Mesmo por ben do sistema (pola súa supervivencia). Se a muller do César realmente era honesta, que o ruído do canal e os intereses dos que o manipulan non nos fagan crer outra cousa (aos manipuladores debemos pedirlles responsabilidades pola manipulación), e se non o é, porque mentiu, porque quixo pasar polo que non era ou quixo vender o que non tiña, que a sociedade llo demande: con accións xudiciais ou penais se for do caso, ou retirándoa decididamente da escena política, que pagamos entre todos.

Nunca houbo tanto ruído no canal, que aparva e narcotiza