Topónimos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Percorro Galicia con frecuencia, moitas veces por traballo e outras por gozar da beleza do que aínda somos. Gusto de me fixar nos detalles dos lugares por onde paso: o tipo de vexetación, o relevo da paisaxe, o tipo de pedra do chan, as formas da nosa arquitectura tradicional, as antigas simboloxías… E tamén en algo extraordinario como o son a toponimia e a microtoponimia, que se converten aínda en máis fascinantes cando entendes o porqué de cada nome, de cada lugar, o seu significado e a súa orixe, moitas veces difíciles de determinar. Hai moitos grupos nos que se poden clasificar os diferentes topónimos, que van dende os que proceden das árbores e as plantas, como Carballo ou Camariñas; os que derivan de nomes de animais, como Aguiar, Serpe ou Os Carneiros; os de santos ou referidos ao sagrado, como Sanxenxo, Santa Mariña ou Santiago; os derivados das augas, como Fontiñas, Regueiro ou Augascae; os da orografía, como Monterroso ou Valboa; os que se refiren ás vías de comunicación, como A Estrada ou A Pontenova; ou os importantísimos (entre moitos máis) derivados dos nomes persoais e familiares, como Paiosaco ou Vilagarcía. O seu estudo é extremadamente complexo e para el requírense coñecementos de varias disciplinas, entre as que están a lingüística ou a historia, porque a súa orixe tamén é fundamental: atopámolos de raíz céltica, xermánica, latina, árabe etc. E todo isto sen esquecer a importancia da parte etimolóxica en toda a súa complexidade. Polas súas características poboacionais, Galicia ten un terzo dos topónimos que hai en todo o Estado, e isto dá conta da magnífica riqueza que posuímos. Saibamos preservala na súa esencia e sexamos respectuosos con este prezado legado.