Hai anos, un profesor de galego deume o relato dun seu alumno para que o lese. A verdade é que era un texto tan orixinal que mesmo dubidei da autoría dese mozo, que apenas tiña dezaseis anos e xa parecía manexar o oficio da escrita.
O relato ficou na miña memoria porque posuía todos os elementos que ten que ter un bo texto de ficción. En dous planos parellos, puña, por unha banda, unha nena menor de idade que traballaba nunha fábrica de bombas, e, por outra, un mozo que loitaba nunha guerra e, finalmente, morría porque pisaba un deses artefactos que montaba a irmá. A impresión que deixaba a lectura era que, no fondo, a irmá tiña a súa responsabilidade na morte do irmán. Sei que a culpa neste caso era excesiva, pero convidaba a reflexionar e talvez podería conectar coa posición do Goberno español para desdicir á ministra de Defensa e manter o contrato de venda de armas a Arabia Saudita, un país que vulnera os dereitos humanos. Daban tamén para un relato as xustificacións ridículas dalgúns ministros explicando a precisión desas bombas sen efectos colaterais, cando todos sabemos que recuaron polas protestas firmes dos traballadores de Navantia e as presións da empresa diante do risco de perder miles de empregos, porque Arabia Saudita ameazou con cancelar o contrato millonario da construción de cinco barcos de guerra. Pois, non, señor Sánchez, síntoo moito, pero os cartos e o emprego endexamais poden xustificar ningunha morte. E, quéirao ou non, estou de acordo co aviso de Amnistía Internacional, cando lle advirte que vostede corre o risco de ser cómplice da comisión de crimes de guerra. E non se engane, a súa culpa tal vez sexa maior cá desa nena que, por necesidade, fabricaba bombas.