Tres son as principais causas de todo o rebumbio organizado na clase política arredor das titulacións universitarias. En primeiro lugar, un mal endémico do noso país, a titulite, obsesión por acaparar o maior número e o máis alto rango académico de todo tipo de papeis, sen preocuparse pola maneira de conseguilos ou pola formación que proporcionen. Estas certificacións son imprescindibles para a selección de persoal e a promoción académica ou profesional, en especial no ámbito das Administracións públicas, pois a empresa privada fíase cada vez menos deste papelame. O acceso á condición de funcionario, o ascenso ou a mellora no destino, os cargos directivos ou os complementos económicos, están regulados por concursos de méritos nos que son decisivos os títulos, diplomas, cursos ou publicacións. Este sistema ten a súa máxima implantación no ámbito universitario, sobre todo para o recoñecemento do labor investigador.
En segundo lugar, é crenza estendida que a calidade dun político está en relación directa co seu currículo. A obsesión por inflar este chega a extremos insospeitados, como por exemplo indicar «estudos universitarios de...», aínda que só se teña aprobada unha materia, ou destacar un nivel alto dun idioma, malia que logo non sexa realidade. Para ser político non se esixe ningún tipo de estudos e non ten por que haber correlación entre estes e o acerto no desempeño dun cargo público. Teño coñecido a gobernantes que só teñen estudos elementais, pero con moito sentido común e intelixencia emocional acertan plenamente no servizo público e, o que aínda sorprendente máis, non se senten acomplexados por careceren dunha titulación superior. Ademais, pódese adquirir unha sólida formación mediante a educación non formal, cada día máis xeneralizada, e na que non son imprescindibles as certificacións que a avalen.
En terceiro lugar, parece mentira que un político non teña ben claro que vai precisar dunha biografía impoluta para manterse no cargo. Problemas previos co fisco, coa cleptomanía, a corrupción ou a obtención de títulos levaron por diante a gobernantes que se tiñan esquecido deles ou esperaban, bendita inxenuidade, que non sairían a relucir. Cada día é máis doado coñecer ao detalle a historia de calquera persoa, e no caso dos dirixentes públicos é a primeira proba do algodón. Isto é bo, pois, aínda que non haxa medo á conciencia, vai habelo para presentarse a unhas eleccións ou aceptar un cargo. E pouco a pouco hase conseguir, como ocorre en países que nos levan moitos anos de democracia, que a clase política sexa xulgada só pola súa xestión pública e non se perda tempo en revolver na súa vida privada.