Tan preto e tan lonxe

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era un rapaciño, aínda ben cativo, ía á aldea con frecuencia porque así estaba establecido na miña casa. Aquela viaxe duns 200 quilómetros era coma teletransportarse no tempo; partiamos dunha cidade na que xa estaban aplicadas e establecidas todas as comodidades da época cara a unha aldea do interior de Ourense onde o modo de vida era ben diferente naqueles tempos. Semellaba un cambio interdimensional entre dous mundos con algunhas cousas en común, pero moi diferentes e distantes. E eu, que xa nacera na Coruña, estaba coma nun punto intermedio, xa que era un deses nenos de cidade pero con toda a familia do rural, e eles, a familia, eran os puntos de intersección entre estes dous contextos: aldea/cidade, rural/urbano.

Encantábame ir á aldea porque era coma un espazo de liberdade, sen tantos límites como podía ter na cidade. Alí collía a miña bicicletiña, marchaba pola mañá e volvía cando cansaba de enredar por aquel mundo cheo de sorpresas. Moitas outras veces tocaba axudar nos traballos propios de cada época: sementar ou recoller as patacas, arar a terra, levar as vacas ao monte, apañar castañas, picar leña ou arrimar o lombo a todas as faenas propias da matanza, que non eran poucas. As noites de inverno na aldea eran longas e, moitas veces, duras, de choiva a esgalla, vento persistente e ás veces neve; en moitas desas noites tiña medo porque a duras penas había luz eléctrica e os ruídos nas casas antigas eran, para un neno coma min, moi perturbadores. Pero nas noites comezaban as historias e aí era onde a imaxinación fervía. Os contos de miña avoa ou os da tía Remedios eran espectaculares e aí foi onde eu souben de Merlín, do rei Artur, das mouras louras e da vella lenda da Limia onde está asolagada a mítica cidade de Antioquía.