O carro tradicional

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Aínda non hai moito, revisualizando o impresionante documental O carro e o home, dirixido por Antonio Román e guionizado por Xoaquín Lourenzo e o propio director, viñéronme a memoria, que cada día é máis selectiva, imaxes e sons que non hai tanto tempo eran cotiás do carro tradicional galego.

Eses aparellos de tracción animal propios da Galicia rural, xunguidos con vacas ou bois e que percorrían os nosos camiños milenarios deixando gravadas unhas impresionantes rodeiras, que á súa vez marcaban uns vieiros de tempo con historia que nos poderían levar aos comezos do que nós mesmos somos como pobo.

Esa sonoridade desgarrada e dura, semellante á dun arcaico instrumento de música en fase de afinación, foi banda sonora deste país, porque foron milleiros de anos de presenza para, de súpeto, caer no máis triste dos esquecementos. O carro hoxe en día tan só está presente como elemento decorativo, adornando xardíns ou esmorecendo nalgúns alpendres, cando non foron directamente ao lume. E eu estou a favor do progreso, como non pode ser doutro xeito, pero é incrible a velocidade coa que neste recuncho do mundo somos capaces de apurar todo, e non precisamente no bo camiño. Se o carro xa non serve para traballar, porque os grandes tractores e outros vehículos que nin sequera collen polas vellas corredoiras substituíron a súa función, manteñamos o valor etnográfico que atesoura e non deixemos que se nos vaia, aínda que só sexa para sacalo nos días de festa engalanado, coa fachenda que merece, por todo o que significou para os nosos devanceiros e porque non deberiamos de privar ás novas xeracións de galegos de ter a oportunidade de saber que existiu. Cando menos, esa xusta posibilidade.