Marcadores

OPINIÓN

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na adolescencia perdemos ao baloncesto contra os Salesianos de Ourense por 60-2. O resultado ficou gravado na cabeza para sempre. A ninguén lle gusta perder, e menos así. E é que a frustración nace nunha competitividade asociada á posibilidade de derrotar, mesmo humillar, o rival.

Esa teima por centrarse no resultado e amosar que un é mellor que os demais bebe da máxima vixente de Bilardo de que ao inimigo, nin auga.

De aí que non haxa día sen noticia relacionada cun conflito entre xogadores ou entre pais que, non contentos co resultado, arman algunha liorta nos campos. Non hai máis que achegarse a unha instalación deportiva, con independencia da categoría, para vermos algúns pais ou afeccionados berrar coma energúmenos, coma se a vida lles fose no partido.

Para esta xente, no deporte só hai un obxectivo: gañar por riba de todo.

Con todo, malia seren fabas contadas, tamén atopamos novas que reconfortan e abrazan outros valores, coma o caso do Racing Club Ferrol, que decidiu non amosar o marcador dos partidos en categorías menores aos 12 anos, ou o dese adestrador de categoría xuvenil que lles mandou aos seus xogadores marcar un tanto en propia meta para compensar a inxustiza de anotaren o gol cando dous rivais estaban tendidos no céspede.

Exemplar tamén o rugby galego sub-16 porque, na pasada fin de semana, dous equipos cederon xogadores aos seus rivais para equilibraren uns partidos que, no descanso, tiñan marcadores moi avultados.

Cómpre aplaudir estas actitudes porque dirixen a competitividade dos rapaces cara a unha satisfacción persoal aínda que sexa na derrota, como me aconteceu a min naquel partido contra os Salesianos, onde fun o único que encestou no meu equipo. Un exitazo.