Un gaiteiro noso

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

23 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É probable que as gaitas galegas chegaran a América cos primeiros conquistadores, e aínda que apenas atopamos referencias escritas, hai unha en Portugal que, para o caso, é coma se fose nosa. Trátase dun parágrafo extraído dunha carta escrita por don Pero Vaz de Caminha cando a frota de don Pero Álvares Cabral tomou terra en territorio americano, en concreto na actual Baía (Brasil). O texto describe o contacto dos portugueses cos primeiros nativos, e nesa carta hai unha referencia expresa á figura dun gaiteiro que di así: «…E levou consigo um gaiteiro nosso com a sua gaita, e meteu-se a dançar com eles [cos nativos], tomando-os pelas mãos; e eles folgavam e riam ao som da gaita...».

Pode ser que a gaita fose o primeiro instrumento musical europeo en soar naquelas terras levado polos expedicionarios portugueses ou galegos, naqueles tempos en que era moi prestixioso e popular en toda Europa, incluída a península ibérica. Como dicía, as referencias escritas non son moitas ata practicamente o século XX, que é cando se produce o grande éxodo migratorio cunha chegada masiva de galegos que foron buscar unha vida mellor, e que con eles levaban a súa cultura en forma de idioma, costumes, gastronomía e, por suposto, de música, como unha das grandes expresións de identidade. Os nosos compatriotas sempre tiveron moi presente o folclore nas diversas colonias de todo o continente, agromando con forza na xente máis nova grazas á transmisión oral continuada, e aí estaba Carlos Fernández Rial, membro da Fundación Xeito Novo de Bos Aires, un dos grandes músicos das novas xeracións que, por desgraza, deixou este mundo antes de tempo. Dende aquí, o meu sincero recoñecemento a un excelente músico e mellor persoa. In memóriam.