O 31 de outubro é unha noite sagrada no mundo cristián, ao igual que os dous días posteriores, o de Todos os Santos e o de Fieis Defuntos. Sacra tamén dende tempos pretéritos é a chegada do Samaín na cultura celta, o período estacional considerado como escuro e que comeza o 1 de novembro. Samaín é unha palabra de orixe celtogaélica que significa fin do verán, e para os celtas o comezo do ano novo. Ata aquí todo ben, como ben está recuperar as tradicións propias deste tempo vencelladas a vellos cultos ancestrais, como a de poñer candeas ou brasas no interior de nabos e cabazas previamente baleiradas para que se mantivera a luminaria sen se apagar co vento ou a choiva, e así cumprir o ritual de guiar as ánimas dos defuntos, que esa noite andan especialmente liberados. Eu lémbrome de escoitarlle a miña nai historias de cabazas postas nos camiños, entre Niñodaguia e Maceda, e de como o seu tío Eladio as colocaba, coa candea dentro, no alto das escaleiras da súa casa para amedrentar aos rapaces. O caso é que nunca sentira falar do Samaín en Galicia ata que en Cedeira comezaron a chamarlle deste xeito a esta tradición propia, que dende América se nos viña importando como Halloween en forma de entroidada fóra de tempo. Halloween non é outra cousa que unha variación escocesa de All Hallows’ Even, que traducido é nin máis nin menos que Véspera de Todos os Santos, é dicir, o mesmo que como se lle chama aquí. Polo tanto, as dúas expresións importadas recentemente de Halloween e Samaín chegan dende o celtismo, unha pola vía ianqui e en forma de enredo comercial e outra dende a vía máis cultural e apegada ao que son as nosas tradicións propias. Quedo con Samaín pese a todo.