18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 11 de maio de 2007 celebramos en Trasalba, na casa grande de Ramón Otero Pedrayo, o Día de Europa, conmemoración do cincuenta aniversario da sinatura do Tratado de Roma, que consideramos o principio do proxecto de unidade europea que hoxe continúa. Digo continúa, coa súas voltas e reviravoltas, porque estas cousas non conclúen nunca; son procesos en permanente estado de construción e, como tales, deben ser valorados. Daquela fixemos unha edición facsimilar dun libro que nos parecía especialmente representativo da vocación europeísta do galeguismo moderno: Arredor de si, novela de iniciación, en grande parte autobiográfica, que Otero Pedrayo dá ao prelo na editorial Nós (a editora de Ánxel Casal) en 1930.

Alfonso R. Castelao publica no exilio, case dúas décadas despois, outro texto significativo desta vocación, que en grande medida é compromiso: Perante a Unión Europea (A Nosa Terra, 1948). Viña de pechar unha etapa importante e frustrante para el, o período no que formou parte do goberno Giral, o goberno da República no exilio de París, no que o de Rianxo participaba como ministro sen carteira, representando o galeguismo. Poucos anos despois falecería en Buenos Aires. Xa viña enfermo da capital francesa. Non era o seu momento máis optimista. Aínda así, o artigo de Castelao está cheo de forza, mesmo de esperanza. Recente o final da Segunda Gran Guerra (1945), escribe: «Se se quere evitar unha terceira guerra que culmine a disgregación atómica da humanidade, non hai máis remedio que construír, a toda présa, unha Europa sa, solidaria e renacida, fronte a todo xénero de totalitarismos…».

Europa como consciencia da humanidade, fundamento histórico dos valores da cultura que fixo os seres humanos máis libres, máis donos do seu, máis felices, e ao mesmo tempo Europa entendida como equilibrio, balanza de intereses, nesta era nova que seguramente Castelao non imaxinaba e que chamamos globalización. Con todas as contradicións, que son moitas, sobre todo no que atinxe á aplicación ou desenvolvemento práctico do modelo, o proxecto de Unidade Europea segue sendo unha das empresas máis ambiciosas, xenerosas e intelixentes da convivencia entre os seres humanos. Teño diante de min a fotografía dos principais líderes da política mundial conmemorando en París o final da Primeira Gran Guerra. O 11 de novembro de 1918 ningún deles nacera, mais a memoria está viva. A memoria é importante. A memoria tamén é compromiso. Teño diante a fotografía e volvo ao texto de Castelao: «O movemento federalista europeo nace coma unha concepción nidiamente política. Aínda que agora se deixe enlordar por intereses económicos, a federación dos Estados Europeos será o modelo e a etapa primeira da federación mundial: único modo de garantir a paz dentro da liberdade».