Para algúns a política neste país é unha comedia e para outros unha traxedia se non dese risa. En calquera caso, as actuacións políticas están case sempre moi lonxe do que é ou debe ser a súa finalidade, que é o equilibrio de intereses contrapostos en procura do benestar dos cidadáns.
A alporizada viraxe que hoxe está tomando, furgando no nespreiro das paixóns máis elementais, sen miramentos para a racionalidade nin para o esclarecemento das cuestións a debater, é máis ben o contrario da política: terá que ver cos intereses dunha ou doutra opción política, pero non cos intereses da sociedade. É lóxico que esta, diante desa realidade, non só non se identifique con esas actitudes, senón que as rexeite e berre que non se sente representada.
A sociedade require acougo e sosego, ademais de afastarse da banalización da actividade política -unha corrupción máis-, que directa ou indirectamente chega ás institucións, a todas elas, co risco de que o sistema enteiro quede asinado con eivas profundas, moi difíciles de superar.
Nun país tan visceral coma este non é doado para todas as opcións manter sosego e serenidade, porque, se non se berra e xesticula e fai barullo, xa se pensa que non nos oen nin nos escoitan. E así téndese a berrar máis ca os demais, e o rebumbio non deixa que nos entendamos. E o irracional xorde deseguido.
Quixeramos pensar que a sociedade en xeral rexeita esas políticas simplificadoras, autoritarias e alporizadas, que só denuncian o atraso político do país, en especial o dos que as practican. Por moitas paixóns que a política acostume esperar, sosego e acougo viríannos moi ben. Teño a esperanza de que algo teñamos avanzado. Pode que das eleccións do mes que vén saia algo semellante a unha resposta. Confiemos.
Se non se berra e xesticula e fai barullo, xa se pensa que non nos oen nin nos escoitan. E así téndese a berrar máis ca os demais e o rebumbio non deixa que nos entendamos. E o irracional xorde