Pintadas

OPINIÓN

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O ser humano sempre gustou de deixar a súa pegada, ben sexa esculpindo círculos concéntricos ou esborranchando unha sinatura en calquera parede. Quen non gravou o seu nome ou o da súa amada nun banco ou nunha árbore? Quen non tivo a tentación de riscar un insulto na porta dun baño? Quen non pintou as súas reivindicacións nun muro? A ninguén lle debería parecer estraño ese desexo de pintar. O problema é que para facelo nun espazo que non nos pertence hai que ter permiso, ou, cando menos, uns mínimos de estética que poderían afastar o asunto do vandalismo.

Hai tres anos, miña nai chamoume para me dicir que o Concello nos ía pintar de balde a fachada do edificio. Nun principio estrañoume tanta xenerosidade, pero era certo. Tratábase dun certame de pintura mural onde os artistas usarían o lenzo da fachada para inserir as súas pintadas. O resultado final non tivo o atractivo visual que si tiveron estes eventos en vilas como Carballo ou Ordes, pero, cando menos, dignificouse o espazo e os veciños aforramos un gasto en pintura. E xa sei que estas son intervencións reguladas que se afastan do espírito revolucionario que pode haber detrás de movementos que usan o aerosol para pintar textos abstractos dun xeito libre, non sempre creativo, e mesmo violento, como o acontecido estes días no metro de Madrid. Pero son formas de evitar o vandalismo e, sobre todo, o mal gusto, como o deses graffiteiros que non só pintaron a mona borrando un fermoso mural na Coruña dedicado a Urbano Lugrís, senón que foron tan parvos que deixaron a súa sinatura, algo que me lembrou a anécdota de Kristina Berg, cando fixo unha pintada libertaria ao pouco de vir a España e a delatou un idioma que estaba aprendendo: «Franco é morto!».