Ainda non hai pouco, nunha xuntanza na que participaban escritores, xente das artes, da ciencia e da cultura, alguén se interesou polas orixes das vocacións: os primeiros pasos do ser humano que empeza a abrirse ao mundo, as primeiras descubertas. Cando, en que momento atopamos dentro de nós o camiño que nos ha levar cara ao futuro? E daquela, no reconto das intervencións, todos viñamos cadrar no mesmo: os primeiros profesores. Non os profesores da universidade (para aqueles que tiveron oportunidade de ir á universidade) senón antes, no bacharelato sobre todo, nese tempo complicado, rico e difícil que chamamos adolescencia, o tempo da primeira autodeterminación persoal, cando todo está cheo de dúbidas e encrucilladas, preguntas sen resposta, vacilacións. Un profesor (ou unha profesora) pode marcarnos a vida para sempre. Para ben e para mal, tamén é certo. Mais todos os presentes coincidiamos en que as primeiras luces, as primeiras portas a través das cales descubrimos o mundo (a primeira visión do mundo, alén do espazo inicial da familia) abríunolas un profesor. Un grupo de amigos e cidadáns reunímonos onte en Vigo para homenaxear ao profesor Xesús Alonso Montero, que vén de cumprir 90 anos; e de todas as facianas posibles a salientar da súa personalidade a min ocorreuseme fundamentalmente unha, que é a principal, acaso a que alimenta todas as demais: a súa condición de profesor. Se algo pode honrar a unha persoa que dedicou a sua vida á cultura, ao estudo e ao coñecemento, é este calificativo: profesor, que eu acompaño do adxectivo (vello) non pola idade senón para agrandar, upar, gabar e agasallar o labor do mestre, a súa sementeira vizosa. A nómina de persoas que pasaron polas súas aulas e teñen lembranza da súa pegada, no ámbito da cultura, a economía, a política, o sindicalismo, a ciencia, a empresa, a docencia, é enorme e variadísimo, mesmo de persoas ideoloxicamente moi dispares, mais que recoñecen todas (e agradecen) a luz primeira que lles abriu os ollos. «Porque a cultura ou serve para abrir os ollos ou non é cultura», dicía o mestre Pedro Petouto. Non foi nin é o único caso, afortunadamente. O maxisterio, a docencia segue a ser o principio básico da cidadanía, alicerce da liberdade do ser humano e da modernidade social. Ao carón de Alonso Montero, antes e despois del, avanza unha luminosa Alba de Gloria de homes e mulleres entregados a este oficio (vocación) de transmitir o coñecemento, formar cidadáns, homes e mulleres conscientes do seu, da súa digndade e do seu futuro. Onde queiran que estean, os máis deles traballando dende o anonimato e o esforzo humilde de cada día, para todos vai este artigo. A todos (e todas) lles debemos o que somos e, sobre todo, o que han ser os nosos fillos. Ningún investimento tan necesario e rendible.