Tense dito que Pío Baroja nunca tivo un especial cariño polos galegos, como se deduce dalgunhas declaración súas. «Que xente! -dixo nun caso-. Casares Quiroga nin sequera ten a malicia e a suspicacia do aldeán galego». Pero Camilo José Cela, que o coñeceu ben e que capitaneou o seu enterro, discrepaba disto e chamáballe «oso vascongado» polo xenio revirado que ás veces amosaba e que, de certo, ocultaba a tenrura do seu fondo de home solitario que criticaba sen dó a Quevedo, Galdós, Valéry, Velázquez, Rembrandt e a todo o que lle cadrase, conforme aos seus propios criterios.
Camilo José Cela coñeceuno en 1940, un ano despois de que rematase a Guerra Civil. O escritor galego, que xa daquela se dicía discípulo e amigo do vasco, acabou por pedirlle un prólogo para a súa primeira novela, La familia de Pascual Duarte (1942). Pío Baroja respondeulle con rotundidade: «Eu non lle fago o prólogo, porque non teño ganas de ir ao cárcere nin con vostede nin con ninguén». E non houbo tal texto. Pero Cela, lonxe de irritarse, seguiu proclamándose discípulo daquel rosmón da xeración do 98.
O escritor vasco morreu en Madrid o 30 de outubro de 1956 e no seu enterro estiveron un grupo de escritores, entre os que destacaban Ernest Hemingway, que o visitara na súa casa uns días antes, e o propio Camilo José Cela, que baixou o féretro con tres compañeiros e puxo orde na despedida (non puido asistir outro admirador de Baroja, o escritor John Dos Passos, que fora quen lle aconsellara a Hemingway que o lese). O caso é que alí, no cemiterio civil de Madrid, din que enterrado como ateo, quedaron os seus restos, sen que a prensa franquista lle dedicase a atención debida.
Terminada a cerimonia, Cela acordouse de que vira á entrada do cemiterio a tumba do socialista Pablo Iglesias, moi descoidada. Falou co xornalista vilalbés Antonio D. Olano e díxolle: «Viches como está a tumba de Pablo Iglesias, sen unha flor nin nada? Don Pío ten hoxe moitas coroas. Non sería pecado coller unhas flores e levarllas ao noso paisano». E ambos os dous puxeron mans á obra e limparon e adornaron o lugar. Se don Pío puido velos desde o outro mundo, seguro que mellorou a opinión que tiña dos galegos.