Problemas de comunicación

Víctor F. Freixanes
Víctor F. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Debería titular esta marea: Estampa de familia diante de tecnoloxía móbil. A escena é rigorosamente certa, rexistrada nunha vila do país, unha desas vilas medias, nin cidades nin aldeas, con vida de seu, tradición e memoria, que orientan a actividade da bisbarra que presiden. Día festivo. A familia xunta para almorzar de mañá, fóra da casa. Na mesa da cafetería tres persoas: o pai e a nai, que non chegan aos corenta anos, e un neno de seis ou sete. Os tres con cadanseu aparello de telefonía móbil. O pequeno máis ben cunha pantalla na que os país o conectan aos debuxos animados, para así estaren máis cómodos atendendo os seus enredos. A camareira serve os almorzos e eles non se alteran, seguen ao seu. Durante case unha hora apenas cruzan palabra. Repito: a escena é rigorosamente certa. Podería engadir outra do pasado ano por estas datas de xuntanzas familiares. Os rapaces (neste caso rapaciñas preadolescentes) dálle que dálle nas maquiniñas mentres os adultos cean e conversan. A sorpresa vén cando alguén se decata de que as mociñas están a falar entre elas, pero non de palabra na mesa, senón a través de wasap. ¿Son os tempos? Son os tempos.

Aínda hai pouco que un equipo de educadores denunciaba neste xornal os problemas de atención e concentración que amosa a xente nova na aula, diante dun texto (para a súa lectura e comprensión) ou perante calquera proceso que esixa esa atención e esforzo. Non máis de cinco minutos. A dispersión é a característica dominante. Dispersión e consumo acelerado de imaxes, estímulos sensoriais, emocionais, non racionais, non relacionados co discurso da lóxica e da palabra. «Sabemos o que quere dicir -admiten os alumnos na aula-. Pero non sabemos explicalo». Explicar o mundo é comprender o mundo, ordenalo no discurso do pensamento, o que significa asemade posicionarse diante da realidade (diante das moitas encrucilladas que a vida nos presenta). Explicar o mundo é a primeira razón útil do coñecemento. Mais tamén falamos de socialización: compartir esa realidade cos demais, argumentala, discutila, principio básico de calquera comunidade, empezando neste caso polos máis próximos (os país, os irmáns), que é onde afincan os alicerces da vida. Segundo as últimas estatísticas os rapaciños e rapaciñas españois (debemos supoñer que os galegos tamén) empezan a dispoñer de móbiles propios a partir dos oito anos. Digo ben: ¡oito anos! Os franceses están nos once, o que preocupa gravemente a administración dese país, que acordou limitar estes usos nos centros escolares por debaixo dos quince anos.

Alguén dirá: non é cuestión de prohibicións, senón de educación. E iso nos leva ao que de verdade me preocupou da estampa que describín ao primeiro deste artigo: a actitude dos país, a responsabilidade obxectiva dos adultos.