Ti sabes «perrear»?

OPINIÓN

07 may 2019 . Actualizado a las 10:31 h.

Eu non, nin aínda que estivese en plena mocidade bailaría esa danza. E por se alguén ignora qué quere dicir perrear, aclárolles que é a tradución do verbo inglés to twerk, e consiste nun baile que imita os movementos dos animais, sobre todo do can cando copula. Cos xeonllos flexionados fanse movementos de cadeira cara adiante e cara atrás. A palabra irrompeu na cerimonia de entrega do Balón de Ouro do fútbol feminino. Era a primeira vez que se daba este trofeo a unha muller, e a gañadora deu un exemplo de deportividade e de feminismo. Trátase dun deporte minoritario en que as mozas teñen que superar moitas dificultades para acceder a el. E Ada Hegerberg non deixou pasar a ocasión de animalas a participar. «Quero acabar este discurso pedíndolle ás nenas de todo o mundo: crede en vós». Entón un presentador estúpido pregúntolle: «Sabes perrear?». A moza púxose seria e contesto secamente: «Non!». O tipo, ante a avalancha de reproches, desculpouse dicindo que era un erro debido ao seu mal inglés. Pero a pregunta fixéraa en francés… Está claro que o éxito deportivo importáballe un ravo. Ou sexa, que non hai que baixar a garda nunca porque en calquera parte salta a lebre do machismo.