Vento do sur

OPINIÓN

10 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrouse no rebumbio dos pactos, nas quinielas, no que menos interesa. E, polo que se vai vendo, pouca atención se lle dispensa ao que é verdadeiramente importante: unha nova política que veña ocupar e encher unha situación da que todos están fartos, unha política que atenda ao ben común e que nos devolva a respectabilidade.

Porque podemos dar as voltas que queiramos para explicar as decisións que os andaluces veñen de dar nas recentes eleccións, pero sempre iremos ter as mesmas causas: uns e outros foron afastándose dos intereses do ben común e centrándose nos do partido, cando non nos propios, e a sociedade mostrouse cansa da política e dos políticos. Haberá que engadir algún que outro matiz, pero esa, ao noso ver, é a causa determinante dos recentes resultados electorais.

O que agora verdadeiramente importa é deseñar outra maneira de actuación política, unha acción que teña como finalidade procurar o ben común. Ter abandonado esta política levou ao PSOE ao desastre. E pode seguir levándoo se non corrixe o rumbo e non atende ás bases que levaron a Pedro Sánchez ao cumio do partido.

No acerto desa outra política está manter a VOX no que é: unha opción residual. Non facelo, e dende xa, só pode supoñer que esa opción pase a ser determinante e que haxa que tela en conta nos pactos que é doado prever, se o bipartidismo segue desaparecido e chegamos a cinco opcións en xogo. Xa agora deberiamos estar traballando nesta tarefa.

Despois de todo, VOX non é senón o fracaso da política que renunciou a procurar o ben común. Un prolapso, como ben o definiu Alba Rico. Pero o único bisturí que o pode corrixir é unha acción política que realmente procure o ben común para que a sociedade volva crer nela. Moito nos tememos que non teñamos aprendido a lección.