Santiago de Chile

OPINIÓN

Hai poucos días estiven de novo en Santiago de Chile para ofrecer un concerto con Luar na Lubre e unha vez máis quedei seducido por esta cidade tan especial e luminosa. Un voo de 13 horas dende Madrid é moi longo, pero hai cousas que merecen un certo sacrificio e non teñen prezo, como ver amencer nos Andes pouco antes da aterraxe e, se o tempo acompaña, poder admirar a grandiosidade da cordilleira presidida maxestosamente polo monte Aconcagua, de 6.961 metros, que case, poeticamente, se pode tocar cos dedos da man dende o avión. Unha das primeiras cousas que fixen nada máis chegar foi ir ao centro da cidade para lembrar historias contadas e pensar nos ausentes, todos aqueles desaparecidos na cruenta ditadura de Pinochet, e as bandas sonoras que soaban con recorrencia na miña cabeza eran cancións como Yo pisaré las calles nuevamente, de Pablo Milanés, Solo le pido a Dios, de Violeta Parra, ou Te recuerdo Amanda, de Víctor Jara. Inevitable foi tamén ao pasar por diante do Palacio da Moeda que me viñeran á memoria as imaxes do seu bombardeo con Allende dentro defendendo a liberdade, e pensar unha vez máis o importante que é non perder a memoria e que inxustiza tan grande é desaloxar un goberno lexitimamente elixido a través da forza e da sen razón. Pero a pesar de todo Chile avanza, e a súa luminosidade e beleza aí están tamén. O contraste social é grande, pero creo que menor que noutras grandes cidades de América do Sur, e alí coñecemos de primeira man o auxe da música celta nesta parte do planeta da man de galegos e chilenos. Poucos días antes tocaba Carlos Núñez e tamén a canadense Loreena McKennitt; nesta ocasión, era o noso momento e gozámolo enormemente, como non podía ser doutro xeito.