Un gran escaparate

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a finais da década dos 80 os editores galegos empezabamos a explorar espazos novos para os nosos libros e os nosos autores visitabamos as feiras internacionais coa ilusión de interesar os axentes literarios, as compañías editoras, os grupos transnacionais da edición, que daquela empezaban a bulir con forza, na existencia da nosa lingua e da nosa literatura. Petabamos nas portas da feira de Frankfurt sobre todo, na feira de Bolonia, que era e segue sendo o espazo mais relevante da edición LIX (Libro Infantil e Xuvenil), o Salón do Libro de París… e a meirande parte das veces, cando diciamos que eramos galegos, os nosos interlocutores empezaban a buscar no mapa mental e acababan exclamando: «¡Ah, Galitzia, Galicja, Polonia..!». E citaban a Chopin e ao papa Wojtyla, que seica eran oriundos daquelas terras. Nós teimabamos na nosa, falabamos da península Ibérica, do noroeste de España… Ata que alguén pronunciaba o nome de Santiago, San Jacques, o Camiño de Compostela… Daquela, era como prender a luz, o mapa mental iluminábase e os nosos interlocutores, coma quen dá un pincho no aire, caían en nós. 

O venres reuníronse en Compostela representantes de Centros de Estudos Galegos no mundo para falar do Xacobeo 2021, que cadrará coa XIII edición do Congreso Internacional da asociación. A Asociación, que naceu en 1985 nos Estados Unidos da man da galiciana Kathlen March e que reúne estudosos da nosa lingua e literatura de máis de medio cento de universidades (dende Xapón a Bulgaria, dende Alemania e Gran Bretaña a Arxentina e Brasil), celebrou a súa última edición este ano en Madrid. A próxima cita será en Varsovia, baixo a presidencia da profesora María Boguszewicz. Daquela será unha magnífica oportunidade de volver abrir fiestras da man dos estudosos da nosa cultura e da man dese gran escaparate universal que é o Camiño,

Alguén preguntaba naquelas feiras dos anos 80 e 90 que facer para a promoción do libro e dos autores galegos. Primeiro: ter un bo produto, un produto ambicioso, elaborado e competitivo (todo o contrario da endogamia minifundista). Segundo: conectalo coas outras producións do país. Terceiro: deseñar unha estratexia de comunicación conxunta. A cultura é unha eficaz tarxeta de visita, esperta curiosidades, axuda a construír espazos de integración, mais a súa eficacia multiplícase se sabemos conectala coa economía, a industria, o turismo, o patrimonio, a gastronomía, o folclore, nun sistema de beneficios mutuos. Os libros e as artes viaxando ao carón da pedra ornamental, a conserva, o viño, o I+D+i das nosas universidades, o deseño industrial, as tecnoloxías da comunicación... E neste caso aproveitando esa magnifica autoestrada que dende hai mil anos segue a producir riqueza, espiñazo histórico de Europa.