Correntes fortes e fracas

Xavier Alcalá
Xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

26 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a enerxía eléctrica comezaba a ser irrenunciable, apareceron dúas ideas para achegala aos usuarios. Edison coidaba que os xeradores debían ser pequenos e estar próximos aos puntos de consumo; por contra, Tesla apostou por xeradores potentes e redes de distribución amplas. Os dous modelos baseábanse no aproveitamento dos saltos de auga ou na combustión de hidrocarburos (posteriormente aparecerían as centrais nucleares). Cos anos, o modelo de Edison ficou reducido a áreas illadas e triunfou o de Tesla, con grandes redes e distancias enormes entre o punto de xeración e os de consumo.

A mudanza climática obriga a cambiar de modelo e introducir na xeración e distribución de enerxía eléctrica ideas consolidadas no eido da telemática. Segundo proliferen os sistemas de captación de enerxías renovables, a distinción entre ‘xerador’ e ‘consumidor’ irá desaparecendo: todo usuario poderá ser ambas cousas ao tempo. Daquela, para acadar a máxima eficacia nos fluxos de enerxía, milleiros de redes hanse interconectar como fan as de datos, con nodos intelixentes e unha Internet. De acordo coa nomenclatura electrotécnica portuguesa, as «correntes fortes» (que aseguran potencia) van ser gobernadas por «correntes fracas» (coas que axustar ao instante a oferta de potencia á demanda).