
Da auga mansa, líbreme Deus, porque da brava líbrome eu… Eis a sabia recomendación que daba María, a miña avoa labrega e analfabeta, que nunca se desprazou nun radio de máis de dez quilómetros desde a súa casa, agochada no fondo dun val no que se inspirou o Creador para amoblar o Paraíso. Ela entenderíame cando digo que estou contenta co balbordo xerado polo machismo rampante de Vox porque descubrín que estou rodeada de homes feministas. E se ben hai algo de rexouba no fondo do comentario, tamén debo recoñecer que hai unha sincera satisfacción. Algo está a mudar mesmo en quen non sabe que estaba mudando.
Grazas, Vox, por cometer a imprudencia de poñer o foco do debate político onde as feministas levamos tempo dicindo que está: na violencia contra as mulleres. Neste tempo viñamos advertindo de que a reacción contra o noso empoderamento e capacidade de mobilización estaba ás portas. Sabíamos que semellante vindicación nunca sería un camiño de rosas, pero esta saída das covas onde se coce a indignación misóxina, en plan manada, ven poñer as cousas no seu sitio.
As guerras que non se declaran son máis difíciles de repeler e a da insania machista que emerxeu na política andaluza (na española está por ver), cando menos remexeu a axenda pública e, grazas a Vox, as caretas están indo ao seu lugar. Pero tamén moitísimas persoas que non se sentían concernidas polo cambio que o feminismo pretende, hoxe saen en tromba e convencidas de en que lado están.
A boa nova é comprobar que, deste lado, somos moito máis que Vox.