Un insulto a Galicia

Miguel Tellado
Miguel Tellado EN LIÑA

OPINIÓN

19 ene 2019 . Actualizado a las 09:57 h.

Cando vemos que cada galego perderá 67 euros nos novos Presupostos Xerais do Estado e cada catalán gañará 93 con respecto aos do ano pasado, quedan ben claras as prioridades dun Pedro Sánchez que demostrou que a súa única preocupación é a de manter unhas semanas máis as chaves do avión e o helicóptero oficial no seu peto. Nin os máis obstinados defensores da tese de que este presidente non gobernará para todos, senón só para contentar aos que o levaron á Moncloa, nos atreveriamos a prognosticar que o Executivo sería quen de poñer negro sobre branco deste xeito a súa entrega absoluta aos independentistas cataláns. Así, Sánchez actúa coma unha sorte de Robin Hood, pero ao revés, ao detraer recursos das comunidades que máis o necesitan para financiar os delirios separatistas de Quim Torra.

Nestes días botamos de menos unha reacción ben diferente por parte dos socialistas galegos. Os mesmos que se queixaban de que os investimentos en Galicia eran insuficientes durante os gobernos do Partido Popular, incluso cando medraban de ano a ano, hoxe avalan sen aparente remordemento un recorte do 20 % dos fondos para a nosa terra. E fano coa insistente repetición de que estes Presupostos teñen un marcado «carácter social», cando a meirande parte da subida do gasto social se debe ao incremento das pensións que deixou aprobado o Goberno de Mariano Rajoy. Polo tanto, se teñen algo de sensibilidade estas contas, non é precisamente grazas á man dos que hoxe se sentan no Consello de Ministros.

E se xulgamos como culpables aos socialistas deste insulto a Galicia, debemos sinalar tamén cando menos como cómplices ás Mareas de Podemos. Digan o que digan hoxe, hai semanas que vemos a Pablo Iglesias e aos seus satélites celebrar e reivindicar como propios estes Presupostos, mesmo con visitas aos políticos presos cataláns para negociar o apoio ás contas no cárcere de Lledoners.

Este documento retrata dúas formas diametralmente opostas de gobernar: a de Sánchez e a do presidente Feijoo. Mentres o primeiro aposta por subidas masivas de impostos para as rendas medias e baixas, máis débeda, menos creación de emprego e quitarlle a todos para darlle a Cataluña, en Galicia seguimos optando por reducir a presión fiscal, cadrar as contas, reforzar o crecemento económico e impulsar o equilibrio territorial. En definitiva, a diferenza entre un e o outro é que o presidente Feijoo serve aos intereses de Galicia e dos galegos, mentres Pedro Sánchez serve única e exclusivamente aos intereses de Pedro Sánchez.