Luces en Compostela

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 ene 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

A Alba de Groria de Castelao, esa memoria de nós que avanza cara ao futuro inzada de esperanza, non é unha procesión cerrada. Na estadea luminosa, que comeza en Prisciliano e remata en Valle-Inclán, Castelao salienta persoeiros (homes e mulleres) que dalgún xeito marcan fitos de referencia na nosa historia. Da súa man viaxamos dende as primeiras alboradas (cando Galicia falaba latín) ata case que os días do exilio de Buenos Aires (1948), onde o autor pronunciou o seu discurso cun obxectivo pedagóxico, mesmo diría que estratéxico: poñer diante dos asistentes a memoria do que somos, ou mellor, dos que foron antes ca nós e fan posible o presente, enerxía da historia para construír o futuro. Os parágrafos máis emocionantes son os que dedica, logo da enumeración de sobranceiros, a esa «moitedume de luciñas e vagalumes que sorden no medio do humus da terra-nai», escribe, e que «son os seres innominados que ninguén recorda, mais que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega». 

Hai dúas apreciacións no texto de Castelao que paga a pena salientar. Unha, a incorporación significada das xentes do común, reivindicación do corpus humano da Galicia que fai decote a historia (e o presente), aínda que non figure na letra grande dos libros. Esa xente anónima, «luciñas e vagalumes», en palabras de Castelao, é a que verdadeiramente fai posible (e viable) o país, alén das grandes retóricas e os egos abouxadores. A segunda apreciación é a concepción desa estadea luminosa como algo aberto, non concluído. A exposición que o Consello da Cultura Galega presenta estes días en Bonaval repara tamén nesta cuestión. Cada xeración incorpora nomes de seu, referencias novas á procesión colectiva.

O concello de Compostela vén de salientar seis nomes de referencia que, por obvias razóns de cronoloxía, non están no texto de Castelao (aínda que dous deles poderían estar), seis nomes vencellados á capital de Galicia que nos honran e honran a iniciativa de corporación municipal: Federico García Lorca e Ánxel Casal, nomeados fillos adoptivos, o segundo alcalde de honra; Xohana Torres, Benedicto García e Bibiano Moron, fillos predilectos; e a escritora e xornalista Begoña Caamaño, viguesa de nación, mais compostelana de adopción.

O pasado 16 de xaneiro, estes seis nomes incorporáronse a esa moitedume de luciñas. A figura de Lorca, xunto coa do seu editor, Ánxel Casal, honran a nosa memoria dende a intelixencia e a xustiza democrática; Xohana Torres e Begoña Caamaño, xeracións diferentes, representan o pulo modernizador da muller incorporada ao discurso activo da cultura contemporánea; Benedicto e Bibiano, aos que tantas veces vimos xuntos, encarnan o espírito dos Voces Ceibes (a Galicia do 68). Dende a Compostela que os acolleu, uns e outras alumean con luz propia a memoria común.