Segundo a axencia Reuters arredor do 40 % da poboación occidental declara estar informada exclusivamente a través das redes sociais, principalmente WhatsApp (!). Falo das sociedades occidentais desenvolvidas, que é onde mandan as novas tecnoloxías da comunicación (Internet) e onde están os grandes centros de decisión que condicionan o mundo. Neste contexto actívase o universo do que falabamos na marea da semana pasada, o universo dos tóxicos sociais, as falsas noticias, verdades a medias, manipulacion informativa que impunemente vai tecendo opinións, valores, condutas (publicas e privadas) e mesmo estados de ánimo, cuestión bastante máis seria do que parece á hora de configurar a realidade. Existe unha poderosísima industria da manipulación mediática que opera en todo o mundo: na política, na publicidade, na economía, na cultura, nos hábitos de consumo…
O que non vén nos papeis ou non sae na televisión non existe, dicían os vellos. Hoxe sabemos que o que non anda nas redes sociais non conta. A gran máquina da comunicación global constrúe decote a nosa axenda e pinta a realidade que supoñemos obxectiva. Mais quen garanta a veracidade desa realidade? Nunca houbo tanta información e nunca tan pouco informados estivemos, nunca fomos tan fráxiles, tan vulnerables. Na marea da pasada semana falaba de tóxicos sociais, cancro que nos ocupa e que, se non o remediamos, mesmo pode aniquilar o sistema tal como hoxe o coñecemos. E falabamos daquela da necesidade de deseñar antídotos.
O primeiro antídoto é a información e a transparencia. Información porque é a base do coñecemento. Transparencia para que as audiencias teñan acceso libre a fontes limpas. Sen datos contrastados e fiables (principio de credibilidade) non hai discurso democrático posible. O gran inimigo da transparencia é o ruído. Os medios de comunicación (e os xornalistas) temos unha responsabilidade obxectiva neste punto. As mais das veces, na procura desesperada das audiencias (e do negocio), convertimos a información en espectáculo, a cultura en produto de consumo, a sociedade nunha cuestión de mercado. O debate das ideas acaba transformándose no mellor dos casos nun circo de ocorrencias, cando non de premeditadas falsidades. E as moscas acuden a moreas.
O segundo antídoto é a educación e o espírito crítico, que están moi relacionados co anterior e que non se constrúen da noite para a mañá. Todo o sistema está comprometido. Como pensar na educación sen unha información veraz, transparente, contrastable? Como imaxinar unha sociedade democrática sen capacidade de análise, sen opinións fundamentadas para tomar postura e participar no discurso colectivo. Saíume teórica de máis esta marea, ben o sei. O lector disimulará a impertinencia. Poida que neste punto os tempos non sexan os mellores, pero son os nosos tempos.