Humor intelixente

OPINIÓN

BALLESTEROS

08 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez conseguín ver enteira unha gala dos Goya, que sempre duran máis de tres horas. O motivo coido que foi o humor intelixente dos presentadores. Con independencia dalgúns dos premiados que gustaron de nos repasar todos os membros da súa familia, e con ese momento estelar de Jesús Vidal, un actor discapacitado, ou mellor dito, un actor con outras capacidades como di Fesser, que foi quen de nos tocar o corazón coa súa demorada intervención, a gala resultoume entretida, con intres realmente divertidos protagonizados por Silvia Abril e Andreu Buenafuente, unha parella que nunca se engurra no escenario. Sospeito que o éxito foi ese humor para o que Andreu pediu respecto, sobre todo por esa teima de acudir ao xulgado en canto algo non fai graza. Dende hai tempo, e non é cuestión de idade, noto que se está a perder a ironía. Hai moita xente que non atura o humor e vive nun estado de permanente tensión e amargura. A ninguén se lle pode obrigar a rir, pero prescindir do humor ou da ironía é algo ben triste. Cando era cativo, o humor era algo alusivo porque os maiores falaban con retranca, con aquelas frases indirectas que che facían pensar. Había como uns códigos secretos que tiñas que descifrar e ese esforzo remataba compensando porque, despois desa cavilación, prendíaseche a luz e sentíaste un chisco máis intelixente. Nos últimos tempos sospeito que hai moita xente que quere todo mastigado e non está disposta a ningún tipo de esforzo nin complexidades irónicas. Talvez o máis doado para este tipo de espectador sexa rir de, e non rir con, porque, neste caso, o humor adoita ser intelixente e precisa de complicidade.