Aproxímanse as municipais e un pode comprender que moita xente dea en amosar os dentes. Criticar o contrario e a súa xestión entra dentro do normal. Podemos estar de acordo ou non coa actuación dos políticos, mesmo podemos descualificalos con dureza por iso, mais debemos respectar a súa vida privada e a dos seus familiares. Neste eido cómpren certas regras e límites que endexamais deberiamos traspasar. Acusar publicamente a alguén de nepotismo polo simple feito de que a súa parella traballe e ofreza a diversas institucións servizos relacionados coa súa empresa cultural supón rebordar o permitido ou, se cadra, descoñecer cal é o verdadeiro significado da palabra nepotismo. Con eses mínimos ingredientes non habería xulgados dabondo para dirimir as denuncias do país.
Isto faime lembrar unha anécdota que lle escoitei a Carlos Casares con respecto a un deses conselleiros de Fraga que ben podiamos encadrar na categoría «da boina», pois tiña sona de mover coma ninguén o voto rural. Seica o presidente popular gustaba del, pero dentro do partido había moitos membros «de barrete» que se mofaban pola aparente ignorancia do conselleiro. Un día de festa, mentres varios cargos falaban con Fraga sobre temas de nepotismo, houbo un que, tocado pola euforia do momento, insinuou que o tal conselleiro non daba moito de si intelectualmente. Para demostrar o contrario, o presidente chamouno onda eles e preguntoulle se sabía qué era o nepotismo. E, nesa altura, o conselleiro, todo cheo de razón, espetou diante de todos: «Como non vou saber o que é o nepotismo ilustrado, don Manuel».
Certa ou non a anécdota, vén ao caso porque sospeito que hai xente que confunde o cu coas témporas cando ve nepotismo onde só hai legalidade. E non todo vale.