Non podemos virar as costas á realidade. O móbil é un instrumento de comunicación que, cun uso axeitado, ofrece moitas posibilidades. Para as novas xeracións o móbil é o medio natural de interacción, unha ferramenta de socialización e mesmo de aprendizaxe. Pero, cal é a idade para regalalo? O outro día, mentres tomaba café cunha amiga e mais o seu fillo, saíu o tema e, nunha altura da conversa, Álex aproveitou para me preguntar se coñecía alguén de doce anos sen móbil. Foi unha pregunta directa que buscaba desacreditar a negativa de súa nai a mercarllo. Con certa precaución faleille da experiencia coas miñas fillas, algo inxusto, porque elas xa hai tempo que pasaron dos doce e daquela as redes sociais non tiñan o peso de hoxe. Como vin que non o convencía de todo, puxen o exemplo dos empregados das grandes compañías tecnolóxicas de Silicon Valley, que levan os fillos a colexios sen ordenadores nin dispositivos electrónicos, só con encerado, papel, xiz, lapis e libro, deixando a instrución en informática para os 13 anos. Álex ofreceume o seu sorriso resignado e estivo activo nunha conversa onde mesmo me propuxo unha curiosa e divertida adiviña que nos fixo rir aos tres.
Cando cheguei á casa, a curiosidade levoume a buscar os datos e descubrín que, segundo as cifras do Instituto Nacional de Estadística, o 75 % da poboación de 12 anos xa ten móbil, e, se pasa dos 15, acada o 100 %. Nese intre pensei que talvez non sexa un privilexio para Álex estar nesa porcentaxe do 25 %, pero si o é para nós porque así puidemos gozar da súa intelixencia e do seu sorriso. No caso de el ter móbil, estaría ausente ou, como moito, teriamos que nos conformar cunha emoticona, algo que nunca podería traducir a emoción do seu sorriso.