30 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha e outra vez volve pasar. Hai uns meses, un polaco que ía para Inglaterra acabou nun valado dunha aldea de Cantabria por culpa do GPS, e estes días un marroquí un chisco desorientado creu que chegara a Limoges cando entrou en Monforte de Lemos. Non sei se neste caso o problema foi só culpa dun destes dispositivos. O certo é que xa non existen as coordenadas da intuición. A cada volta un gusta máis do dereito a se perder. Eu xa non actualizo o sistema de navegación porque boto de menos a preparación que requiría cada viaxe, aqueles estudos cartográficos, a literatura relacionada co lugar e a infinita paciencia cando nada saía como programaras. Pero nesa planificación polo miúdo, dalgunha maneira, xa estabas nos sitios e, cando chegabas, todo era unha confirmación.

Non discuto os beneficios destes trebellos que son quen de nos guiar polo mundo, mesmo por unha corredoira. Mais, como se ve, non son infalibles. Por exemplo, un amigo de Lobios de Sever cóntame a morea de coches, caravanas e autobuses que, confundidos, adoitan rematar na súa aldea en vez de no Lobios que nos aparatos figura como Fondevila e está a corenta quilómetros. Algún veciño deste Lobios de Sever, cando ve un autobús caendo polas pistas, xa pecha as persianas para non ter que encarreirar os turistas cara ao outro Lobios con balneario. A explicación non é doada. Máis dunha vez os veciños rifan entre si para aconsellar a mellor ruta. A confusión seica transcendeu os dispositivos e os de Fondevila, logo de pagaren un anuncio das súas festas, viron como o xornal usaba unha foto de Sever. En calquera caso, a perda convoca tamén a aventura e, neste caso, os turistas levan, cando menos, unha imaxe máis completa da Limia.