Non é o primeiro problema para os españois, pero algunhas enquisas falan de que tres de cada dez persoas estarían a favor de prohibir todo tipo de inmigración, sexa legal ou ilegal. Non sei se moitos deles escoitaron o que opina o papa sobre o tema, nin sei se lles importaría alá moito velo con esas concertinas na man, explicando que o mundo xa se afixo a elas e esqueceuse de chorar. O certo é que habería que preguntarse cantos desta porcentaxe son conscientes de que moitos dos seus devanceiros se viron na obriga de emigrar no pasado ou no presente na procura dunha solución para as súas vidas. Hai algo inconsistente nas teses xenófobas de Viktor Orbán, Matteo Salvini, Santiago Abascal ou do mesmo Donald Trump, por poñer só catro exemplos desta corrente populista e insolidaria de ultradereita, partidaria de pechar as fronteiras e erguer eses muros que, como ben dixo o papa Francisco, con ese fío íntimo de confesionario, rematan por facer prisioneiros deles aos mesmos que os constrúen. Por sorte, unha inmensa maioría da cidadanía europea está a favor da integración en lugar de reforzar os controis fronteirizos. En España, máis que a inmigración, coido que nos debería preocupar a emigración porque cada vez somos máis os que pasamos horas nos aeroportos acompañando os nosos fillos, que volven repetir o proceso dos nosos pais e avós. E non, nunca nos esquecemos de chorar porque a dor desas persoas que foxen das guerras e da miseria precisa da nosa axuda. Non dárllela é tanto como negárllela aos nosos fillos. A dureza da emigración sempre me lembra a anécdota daquela rapaza cos pais no estranxeiro que andaba cunha moeda na man na procura de amigos: «Se me queres douche un peso». Como para non chorar.