Tempos modernos para fichar

Carlos Montes EN LIÑA

OPINIÓN

JOSE ALONSO

09 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do tempo de traballo é un elemento clave das condicións laborais. O modelo industrial estándar estaba articulado en xornadas de oito horas, e semanas laborais de cinco días, coas noites, fins de semana e festivos libres. Porén, a competencia internacional, a celeridade do cambio tecnolóxico e a progresiva terciarización da economía impulsaron unha paulatina reorganización do traballo remunerado. A transición deste réxime laboral a unha nova orde postindustrial fundaméntase no uso eficiente do traballo humano, na introducindo métodos de relación empresa-traballador baseados na confianza, en obxectivos ben definidos e en resultados demostrables. As prácticas de traballo flexibles, como o teletraballo ou a definición individual das horas de traballo, outorgan maior autonomía e facilitan que os traballadores poidan organizar a súa vida diaria para satisfacer con éxito as esixencias do traballo e da familia, de modo que o novo mosaico do tempo de traballo non só proporciona máis autonomía aos traballadores, senón que contribúe a incrementar a súa satisfacción e compromiso, mellora o clima laboral e reduce as taxas de absentismo, rotación e estrés. En definitiva, favorece un contorno laboral máis saudable e produtivo.

Neste contexto, o rexistro diario da xornada, que, como mínimo, debe recoller a súa hora de inicio e de finalización, xoga un papel importante no funcionamento futuro das organizacións e dos seus empregados. Aínda que se poida empregar como salvagarda contra as violacións da lexislación laboral e os ladróns de tempo, na práctica pode crear unha atmosfera de traballo baseada nunha celosa verificación obxectiva da actividade profesional, en lugar do compromiso psicolóxico requirido no proceso de construción da relación laboral.

Este control establece parámetros temporais específicos para que os empregados vinculen o seu desempeño a chegar e a deixar a oficina, e non aos obxectivos cumpridos. Ademais, non é compatible co desenvolvemento dos novos modelos de traballo das sociedades máis avanzadas, nin coas demandas e necesidades actuais dos empregados. Este retorno aos sistemas clásicos de control do tempo é unha perigosa regresión aos tempos modernos, que nin será entendida polas persoas traballadoras nin xerará motivación e, moito menos, produtividade.