
A Compostela que queremos é a que somos capaces de soñar, de idear. Así foi desde o descubrimento dos restos apostólicos, asimilando e innovando en cada momento a corrente desafiante que viña de Europa a galope. Pero o depósito tanxible e intanxible do pasado non é suficiente se non se constrúe unha tradición e unha cultura para un presente e un porvir. Ou acaso renunciamos a facelo?
Todas as cidades teñen unha historia íntima que os cidadáns transmitimos a diario coa memoria e a palabra. O desafío é non deformar a biografía urbana con relatos fantásticos que impidan conciliar o material e o inmaterial. A cultura é quen de articular o urbanismo e a economía, o turismo e o patrimonio, a rehabilitación e a arquitectura contemporánea, a universidade, o tecido industrial e o emprego, e mesmo a Cidade da Cultura, alá arriba na montaña que trata de espertar, e a cidade culta aquí abaixo, secular e impoñente.
Compostela ten un compoñente simbólico en Galicia, pero coa simboloxía non chega, é un compromiso dinámico. A capitalidade haina que merecer e actualizala a través de relacións colaborativas e institucionais sistemáticas, sobre todo coas outras cidades galegas.
Santiago é, ademais, a culminación dunha peregrinación contemporánea cunha rede global propia. Estamos diante dun fenómeno espiritual no que se mesturan diversos motivos e que esixe sensibilidade e coñecemento para desentrañalos e actuar consecuentemente. Os peregrinos que chegan sen pausa non son uns turistas calquera, traen e levan consigo opinións e mensaxes que requiren establecer contactos e relacións internacionais permanentes.
O ano xubilar 2021 debe ser un desexo para Galicia. Non é só cousa da Igrexa, é a oportunidade de revitalizar o zeitgeist, o espírito escondido que hai que saber poñer ao día e proxectar alén dos límites do cotián. A oportunidade de converter o xubileu nun afán común, cunha visión cosmopolita e autóctona, merece unha escritura conxunta, compartindo proxectos e responsabilidades co Xacobeo, e a administración local non pode estar de costas. O enigma de Compostela é saber conciliar os tempos, os da cidade e os do camiño, os de pensar e compartir, cun novo argumento proactivo para participalo e consensualo. Disponse dos medios, hoxe entre brétemas, o Real Padroado e o Consorcio obrigan a cooperar entre administracións e opcións políticas.
Hai uns días volvía de escoitar un debate dos candidatos municipais. Pareceume prometedor que teñan propostas en común, pero dicíame que Santiago de Compostela é algo máis do que alí se dixo. Sorteando a chuvia mansa baixo os soportais, preguntábame cal é, en última instancia, o espírito dos tempos que queremos transmitir.