Letras maternas

OPINIÓN

FUCO REI

17 may 2019 . Actualizado a las 10:52 h.

Por singular acerto da Real Academia Galega volve don Antonio Fraguas, neste ano en que se fan os 20 do seu falecemento, para iluminar o Día das Letras Galegas co seu sorriso cordial, a súa verba cálida e a súa natural nobreza de fillo da Galicia rural. Con el, o significado das Letras non se circunscribe a un ámbito letrado, valla a redundancia, senón que abrangue a lingua enteira do pobo.

Antonio Fraguas aprendeu as letras nun silabario que tiña súa nai, María Teresa Fraguas, pero antes aprendera a lingua dos beizos da muller a quen chamaba mamá Antonia, unha criada analfabeta que traballaba na casa. Ela foi a súa primeira mestra en oracións, en cantigas e relatos. Do pai emigrante, a quen coñeceu xa con sete anos feitos, aprendeu o cálculo. Do mestre da escola da Costa, na parroquia natal de Santiago de Loureiro, apenas aprendeu que a regra era instrumento de castigo. Ende ben, outro mestre que puxera escola de pago en Famelga, a onde o levaron coa idea de preparalo para ser emigrante, soubo ver no adolescente outras capacidades e logrou convencer os pais de que o mandaran ao instituto de Pontevedra. E, de aí, á Universidade de Santiago. Aquel rapaz aldeán sería á súa vez profesor.

Andando o tempo, escribirá unha xeografía de Galicia na que fai unha loanza das mulleres campesiñas que coidan da casa, da familia e da facenda e son, ademais, preceptoras que na sociedade tradicional do primeiro terzo do século XX, cando a escola aínda non era universal nin as mulleres tiñan dereito a voto, nin podían mercar ou vender, nin dispoñer dunha conta bancaria sen permiso dos pais ou dos maridos -iso non chegaría ata moito máis tarde-, eran as encargadas de transmitir as letras e a cultura.

Así foi como Antonio de Insuela chegou a se converter en don Antonio Fraguas, ou en san Fraguas, como o alcumaban as súas alumnas do Instituto Feminino de Santiago de Compostela, que aprenderon con el a amar a Galicia. Nese tránsito non perdeu nin por un momento a súa esencia e sempre, sempre a tivo presente naquela súa forma tan singular de mirar a natureza, de estudar os fenómenos da xeografía e os monumentos da historia. Cando escribía, facíao dun xeito directo e sinxelo, achandando os altos saberes para que todos os puidesen acadar. Cando ensinaba, preocupábase de que o alumnado reparase antes de nada no que tiña máis próximo, pois quen descoñece o propio de seu mal pode comprender o distante ou o diferente. E cando falaba… Cando falaba era unha regalía, porque a erudición transformábase en narración, en humor, en tradición oral.