Cambio de ciclo, é tempo de tomar nota

Luís Villares
Luís Villares EN MAREA

OPINIÓN

27 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados das mareas municipais son malos, en xeral, con honrosas excepcións, pero reflicten unha baixada de confianza nunha forma de facer política.

Estamos claramente nun cambio de ciclo político en Galicia, que foi propiciado por dous factores: o efecto arrastre das xerais a favor do PSOE e a incapacidade de facer da bandeira da diversidade ideolóxica un factor de mellora social.

Esta situación seduciu no seu día a desencantados do nacionalismo e do socialismo, e depositou en nós confianza nunca vista en Galicia.

Lamentablemente non fomos capaces de responder estas expectativas. As tensións internas, provocadas por intereses das partes que pensaban máis en si que no interese xeral; e a ocupación do espazo político e comunicativo con estes temas, en vez de facelo en propostas políticas que contribuísen a solucionar de forma xusta os problemas cidadáns, acabaron por pasarnos factura.

Non ter reaccionado a tempo identificando o problema e distanciándonos do foco das tensións, por un intento ata o final de salvar a unidade cando había xente na casa que non a quería, acabou por desencantar a cidadáns tanto de orixe progresista como nacionalista.

Agora é o tempo de tomar nota deste cambio de ciclo político e de axustar tanto a organización, como revisar o discurso, para resultar eficaces para resolver os problemas de xustiza social que ten Galicia neste momento, que son moitos.