Máis diversidade, imposible. Esa é a principal conclusión das eleccións do domingo. A outra é que, máis ca nunca, moitos teñen que facer de tripas corazón, precisamente por esa crecente pluralidade de opcións que resulta das preferencias dos votantes. Empezando por Europa, que ao cabo vai ser o máis importante, pasouse do bipartidismo conservador-socialista a ter que partillar con liberais e verdes calquera solución. E a extrema dereita non avanzou máis. Ao sur dos Pireneos confírmase a xeometría variable dos votantes e a incapacidade dunha única forza para ser dominante. En xeral -logo hai casos particulares- non hai hexemonías que se estendan a todos os niveis, senón que depende dos territorios, do tipo de eleccións e das organizacións. Quen gaña as europeas (PSOE) non gaña en Madrid. Quen gaña en Madrid (PP-Cs-Vox) fíxose irrelevante fóra da España castelá. Quen é capaz de frear aos neofalanxistas e minimizar a Cs en Galicia (PP) non logra unha soa alcaldía importante, agás Lalín. Quen arrasa en Pontevedra (BNG) entra xustiño en Vigo... e así podiamos seguir.
A posición do nacionalismo en Galicia vaise indo co vento dende a derrota do bipartito e temo que os votantes vánselle indo cos anos. Mesmo divididos, os galeguistas lograron ter forza en catro alcaldías de grandes cidades e puideron ser decisivos nunha quinta. Conto ben, si. Os nacionalistas, obcecados polo talismán da palabra hexemonía, seguen pelexándose entre eles por seren cola de rato ou cabeza de rato, sen repararen en que sen facer parte do león sempre os papará o gato. Rabuñados como están, despois de varias xeiras electorais, seguen sen dar sinais de non agresión. De cooperación nin chío. Das posicións históricas representadas por tres homes (Camilo, Beiras e Rodríguez) pasouse mediante a cooperación a ser a primeira forza da esquerda en Galicia e cogobernar cos socialistas. Aquel impulso dos anos noventa durou -pese á ruptura de Amio- ata agora mesmo. Foi a vontade de hexemonía dos núcleos duros a que impediu sempre a extensión cidadá das organizacións nacionalistas en Galicia alén daquel punto. Abandonar as ansias de hexemonía polo recoñecemento da pluralidade sería un punto de partida.
Neste tempo de hoxe, a diversidade e o pluralismo chegan ao punto de que unha forza minoritaria e mesmo marxinal como os neofalanxistas abonda para mudar o resultado electoral no concello e a comunidade de Madrid, amargando os resultados de todas as tres ou catro esquerdas madrileñas implicadas: PSOE (o de Sánchez e o de González), a confluencia Carmena-Errejón, Podemos e IU. Ninguén dubida do acordo na dereita mentres as incapacidades da esquerda fan albiscar un modelo frontista a medias. A facilidade de cooperación mecánica na coalición -innata- de dereitas non pode contrastar máis coa eterna capacidade da esquerda para autolesionarse. Non é un problema de unidade, senón de xestión cooperativa da pluralidade. En Galicia o PSOE segue subindo. O PP segue baixando. A Marea, Compostela Aberta e Ferrol en Común perden resistindo. O BNG segue a resistir. Cs e Vox non pintan nada aínda e o ano que vén -ou antes- hai eleccións galegas. Velaí o panorama.