Sesquicentenario da «Cántiga»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

30 may 2019 . Actualizado a las 20:31 h.

Coñecemos o día, o mes e o ano en que Curros Enríquez escribiu esta composición, o seu primeiro poema en lingua galega: o 5 de xuño de 1869 (o próximo mércores fará cento cincuenta anos, sesquicentenario que Celanova debería celebrar cunha tocata do gaiteiro de Penalta). Redactouna o inédito poeta, aos 18 anos, ex abundantia cordis, nunha pousada madrileña na que tiña por compañeiro a un estudante de Trives, Cesáreo Alonso Salgado, bo guitarrista e excelente compositor de aires do país. Mentres Curros Enríquez estudaba o manual de Economía política de Manuel Colmeiro, profesor seu na Facultade de Dereito, Alonso Salgado arrincaba das cordas da súa guitarra unhas «notas… sentidas y melancólicas» que non só interromperon o estudo de Curros senón que lle inspiraron, ipso facto, os 35 versos do poema, que titulou Cántiga (palabra esdrúxula na provincia ourensá). Son os versos que escribiu «sobre o marxe da leución X da Economía política de Colmeiro [tamén galego]» na tarde do 5 de xuño de 1869 (aquí debo facer unha confesión bibliográfica: levo setenta anos, sen éxito, á procura deste exemplar). Oito anos despois, Curros viaxou a Ourense e conta nunha carta de 1907 a Díaz Silveira que, debruzado, unha noite, no balcón do hotel, oíu, na voz dunhas mozas, un cantar que, con variantes, era o texto que el compuxera (e a música de Alonso Salgado tamén con algunha variación).

Hoxe ata os rapaces do instituto saben que unha desas variantes literarias, a máis rechamante, afecta ao primeiro verso, que, sendo en Curros «No xardín unha noite sentada», mudou, na voz do pobo, en «Unha noite na eira do trigo», modificación sobre a que o propio poeta, na carta de 1907, declara: «…mi amigo… la había hecho popular primero en Trives… y después en Santiago entre los estudiantes, resultando de aquí que el pueblo soberano sustituyó un verso por otro que él fabricó, y, como ese verso hablaba de un jardín, que no tienen todas las casas de los pobres, y, en cambio, tienen eras donde se reúnen los vecinos…, en la era localizaron el drama, sin respeto al poeta, pero con muchísimo respeto y muchísima lógica para sus gustos y aficiones». A declaración é moi do carácter de Curros: recoñece o acerto do pobo (como recreador e transmisor dun texto) pero non autoriza a modificación. Cando, nese 1907, o propio Curros traduce a Cántiga ao castelán, faino totalmente alleo ao texto da tradición oral: «Del jardín sobre el césped sentada».

A Cántiga, un dos textos poéticos galegos máis lidos, máis lembrados, máis citados, máis recitados e máis cantados, mereceu de dona Emilia Pardo Bazán (cando, en 1885, xa non era amiga do poeta) esta gabanza: «Aquella popularísima y saudosa cántiga de Curros, que parece hecha para las noches druídicas de lunar».