Oliver Laxe

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Xoán Rey

23 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As pegadas da memoria. Así debería titular hoxe esta marea. Pegadas ou marcas, riscos que deixa en nós a experiencia vivida na infancia, na adolescencia, ou mesmo na memoria de vidas anteriores: os nosos pais, os nosos devanceiros... A marca do pasado é unha das grandes fontes do relato e, ao mesmo tempo, un dos grandes alicerces da personalidade, da identidade persoal, se non o máis poderoso e determinante. Falo disto, que calquera pode comprobar no terreo particular, porque levo tempo seguindo os pasos deste home de 36 anos, Oliver Laxe, triunfador en Cannes, que aborda a creación cinematográfica dende a experiencia propia, ou mellor: que afinca o seu discurso creativo nas raíces dos seus, que son tamén as súas raíces.

 A súa última película, O que arde, que se estreará proximamente en Galicia e logo iniciará o seu percorrido polas salas de exhibición do mundo falando a nosa lingua, é unha mostra da capacidade das novas xeracións para afrontar o futuro dunha maneira diferente. Sen deixar de ser o que son (o que queren ser), sen renunciar á súa condición de galegos-galegas, instálanse sen complexos na gran aldea global na que, irremediablemente, estamos obrigados a existir.

Non o coñezo persoalmente, mais sigo con moito interese os seus pasos, a súa creación e, sobre todo, as súas reflexións, recollidas en entrevistas e conversas tanto en papel impreso como en soporte audiovisual. «Canto máis profundizas na esencia, mais universal es», afirma. Hai poucos días que lle escoitaba algo parecido a Nélida Piñón, a nosa escritora galego-brasileira, autora desa novela xigantesca que é A república dos soños (1984), crónica da nosa Galicia emigrante a Brasil. Declárase publicamente Nélida un produto da aldea, máis concretamente, da nosa aldea galega, marcada pola súa experiencia de mociña na terra dos seus pais, en Cotobade.

Cando Nélida publica a República, Oliver tiña dous anos. Aquí é onde quero centrar a miña reflexión. Un neno en París, fillo de emigrantes, que o traen a Galicia porque non queren que perda as raíces (a memoria da que falo) e que, logo de andar polo mundo, constrúe o seu discurso dende si, dende todos nós.

Cristina Pato tiña catro anos cando a novela de Nélida. Abe Rábade, outro dos nosos creadores con proxección universal, tiña sete. Eles son o relevo: a xeración da esperanza, exemplo para os que veñen detrás, aínda máis novos. Así se sucede a vida, coma as ondas, que, unhas detrás de outras, enchen a area da praia.

Escollo estes nomes e podería salientar bastantes máis no eido das artes, na actividade académica, na ciencia, na tecnoloxía, formados dentro e fóra de Galicia, mesmo residentes alén das nosas fronteiras, cidadáns do mundo e cidadáns conscientes do universo que atesouran. As imaxes de Oliver Laxe levan dentro de si a forza ancestral dos versos de Novoneyra.