70 anos de Simone de Beauvoir

OPINIÓN

03 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Referímonos, claro está, non a 70 anos do seu nacemento, senón aos 70 da publicación dun clásico contemporáneo: Le deuxième sexe (título suxerido polo seu amigo Jacques Bost, dedicatario da obra), publicado xustamente no ecuador da vida de Simone de Beauvoir (1908-1986), que conta con tradución ao galego desde 2010. É a obra dunha filósofa que se constituíu non só nun texto clásico a partir do cal se desenvolveu todo un caudal de análises, de revisións e de críticas no campo do feminismo, senón na obra que inaugura unha nova epistemoloxía no tratamento da condición feminina e, loxicamente, da condición masculina. O primeiro volume, titulado Os feitos e os mitos, apareceu no mes de xuño de 1949 e o segundo, A experiencia vivida, no mes de novembro dese ano. En tan só unha semana, daquela primeira entrega vendéronse (en Franza) vinte e dous mil exemplares e tamén axiña foi incluído no índice de libros prohibidos do Vaticano. A segunda entrega desatou as iras de tirios e troianos: nela, a autora pon o dedo na ferida de temas sensíbeis e de plena actualidade: a necesidade de independencia económica, a maternidade, as relacións amorosas, a precisión da loita colectiva... Camus criticouna por ter ridiculizado o macho francés; só Sartre e Merleau-Ponty -dentro do círculo de intelectuais en que se movía- a apoiaron. Lóxico: Beauvoir non aforra clareza nin contundencia nos seus asertos; non sobrevoa lixeiramente polo tema, senón que o disecciona con escalpelo de analista racional e coñecedora de fontes históricas, filosóficas, teolóxicas e pretensamente científicas. De feito, o primeiro volume está encabezado por dúas citacións antitéticas: unha de Pitágoras («Hai un principio bon que creou a orde, a luz e o home, e un principio mau que creou o caos, as tebras e a muller») e unha de Poullain de la Barre («Todo canto escreberon os homes sobre as mulleres debe ser sospeitoso, pois son a un tempo xuíz e parte»), que nos leva inevitabelmente ao noso P. Feixoo («defender todas as mulleres vén ser o mesmo que ofender case todos os homes, pois raro hai que non se interese na precedencia do seu sexo con desestima do outro»).

 

 

 

 

Tantas e tantas afirmacións na súa teoría pioneira lévannos da man á potencia poética de Rosalía de Castro, na súa persoa e na súa obra. Relembremos só unha: «O home defínese como ser humano e a muller como feminina. Cando ela se comporta como un ser humano, dise que está imitando o varón». Cómpre aínda un estudo do profundo feminismo rosaliano á luz de quen puido teorizar, case cen anos despois, sobre as mulleres e o seu ser e estar no mundo.

Niso estamos.