«...home bravo que non se deixou cazar»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

05 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de saír do prelo un libro, en Ir Indo Edicións, no que o seu autor, o profesor e historiador Raúl Soutelo Vázquez, conta, coas mellores armas de Clío, a vida dun esquerdista aldeán que, sen ser dirixente político nin sindical no verán de 1936, foi obxecto de duras represalias e, antes, de asañada persecución. Este é o título: O Anxo de Monteasnal. Investigación e didáctica da represión franquista partindo da memoria oral dun home bravo que non se deixou cazar. O protagonista desta monografía, Ángel Iglesias Martínez (1915-2005), era, naquel tráxico verán, un mozo de 21 anos sen ningunha relevancia política ou social: era un soldado anónimo da Historia.

Nacera na aldea de Monte Asnal, da parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro. O profesor Soutelo Vázquez, rigoroso cultivador da historia oral, entrevistouno a fondo no ano 1990, cando o Ángel de Monte Asnal aínda lembraba con precisión os atafegos e dramas polos que pasou entre 1936 e 1948. A historia deste mozo está contada, polo seu biógrafo, desde o seu relato memorialístico, pero tamén desde outras fontes orais e desde os documentos xudiciais. O libro, excelente onde os haxa, contén un acaído limiar de Rafael Rodríguez Villarino, alcalde, hai meses, do concello de Amoeiro: alcalde de todos os veciños, incluso daqueles que, «mortos polo ferro irado», aínda non teñen unha sepultura condigna. Tamén nos ofrece este volume unha introdución do historiador Xulio Prada Rodríguez, autor de traballos fundamentais sobre a represión franquista na provincia de Ourense. Titulado este extenso estudo introdutorio Do «relato» e dos «relatos» da Guerra Civil e a represión, aborda nel, con intelixencia e ponderación, o tema das «prácticas xenocidas» levadas a cabo naqueles infaustos anos en Galicia, prácticas sempre na liña do deseñado polo xeneral Emilio Mola no seu manual da estratexia do terror.

Todo comezou para Ángel de Monte Asnal o 13 de novembro de 1936, o día no que matou dun tiro a Antonio Ferreira Sánchez, xefe -polo seu carácter violento- dun fato de falanxistas moi coñecidos na comarca por claudiaren republicanos (o triste verbo claudiar da época). Ángel Iglesias sempre declarou -a xuíces, historiadores e veciños- que matara en defensa propia, e voces houbo, daquela e despois, que contaron que, no día de autos, a traxedia aconteceu na casa de Herminia Gutiérrez, moza do autor do disparo, cobizada por aquel falanxista. Durante catro anos, Ángel Iglesias vai vivir en covas, en zulos, en casas non sospeitosas… Nunca a Falanxe e a Garda Civil deron con el, pese a que, en ocasións, farto daquel tipo de vida, quebrantou as normas máis elementais da clandestinidade. Hai fontes orais que falan de que asistiu, algunha vez, a bailes e fiadeiros, e que nun destes fiadeiros alguén o identificou pero non o delatou. Cómpre saber que na valiosa documentación oral recadada polo profesor Soutelo Vázquez hai testemuños non alleos á mitificación deste arriscado e anónimo fuxido, que aparece, ás veces, como xusticeiro. En 1940 entrégase ás autoridades sen ter o convencemento pleno de que sería xulgado por un tribunal non militar. Foino, por fin, e só pasou oito anos en prisións e campos de concentración por matar, en defensa propia, a un falanxista que exercía, no aterrorizado medio rural, de matón habitual.

Nesta rigorosa monografía danse cita outros verdugos e vítimas, e son as súas historias as que tecen o mapa do que foi a represión nos Chaos de Amoeiro naqueles tristes anos. Nese mapa emerxe o nome e a personalidade de Ángel Iglesias Martínez coa súa determinación, coas súas ideas e coa súa condición «dun home bravo que non se deixou cazar» (que así reza o título da magnífica biografía do profesor Raúl Soutelo Vázquez).