Lingüística da indixencia: «hermano»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

19 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro ou marzo de 1938, eu, neofalante en galego, levaba na aldea, Ventosela (O Ribeiro de Miño), uns dous meses, tres como máximo. Tal día, á noitiña, alguén petou na porta, que eu fun abrir por indicación de miña nai. Non era un veciño, era un pobre, doutra terra, que pedía esmola de porta en porta. Delataban a súa condición a indumentaria, escalazada, e uns zapatos vellos e esfuracados. «Quen é?», preguntou miña nai desde a cociña. «É un pobre, é un mendigo», respondín decontado.

O mendigo, moi pouco despois, bicaba o anaco de boroa que eu puxen nas súas mans. Xa na cociña, miña nai, algo gramatiqueira, adoutrinoume: «Os pobres que andan polas portas e veñen de fóra chámanse hermanos». Pasados algúns anos, xa mozote eu, dispúñame, con outros veciños, a ir a unha festa noutra parroquia, momento no que miña nai, observadora que era, reparou nos meus zapatos, algo vellos, e no meu xersei, algo esfiañado. Ela, gramatiqueira decote pero un pouco esaxerada nesta ocasión, sentenciou: «Pareces un hermano». En efecto, «hermano», na comarca do Ribeiro, era o mendigo, o home, case sempre vello, que viña, doutras terras, pedindo. Non existía o feminino «hermana»: naquel mapa social non había mulleres destas características. Os lexicógrafos galegos non rexistran, ata onde eu sei, este termo, «hermano», con esta acepción. De todos os xeitos, don Eladio Rodríguez González, que era do Ribeiro de Avia, recolle no seu Diccionario, na voz «irman» (sic), esta acepción: «Tratamiento que, generalmente, se da al pobre a quien se le otorga la limosna que pide». Eu, que tanto admiro e consulto ao lexicógrafo do Ribeiro, non concordo con el, nesta cuestión, en dous puntos. Non creo, en realidade, que un ribeirau dixese: «Tome, irmán, este anaco de pan». Diría «hermano», que eu oín anos e anos, e empregaría esta forma non só como «tratamiento», non só en vocativo, como proban os exemplos aducidos por min.

Todo fai supoñer que «hermano», na acepción de mendigo, de esmolante, naceu dos textos da liturxia católica, sempre en castelán (cando non era en latín) na igrexa galega desde o século XV. Andrés Torres Queiruga indícame, entre outros textos, este da Carta de Santiago: «Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados…» (A Biblia, Sept, 1989).

Na época en que redacta o seu monumental Diccionario, Rodríguez González, «irmán» era o tratamento entre os correlixionarios das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista, pero Eulogio Gómez Franqueira, das Mocedades Galeguistas en Xubín no ano 1936, cando se dirixía a Otero Pedrayo, tratábao de «irmán don Ramón», mais, cando se refería aos indixentes ambulantes, empregaba o castelanismo de raíz eclesiástica «hermano».

Máis ou menos contemporáneo destes persoeiros foi o filólogo e filósofo Ángel Amor Ruibal (1869?1930), que sabía moi ben que «irmán», en latín, era «frater» (de aí o francés «frère») e que no latín clásico, para enfatizar que alguén era irmán por parte de pai e nai (irmán auténtico), empregábase o sintagma «frater germanus». O sabio don Ángel non ignoraba que o tal binomio simplificouse na Península Ibérica perdendo o primeiro termo, razón pola cal os cataláns din «germá», os casteláns «hermano» (con h antietimolóxico), os portugueses «irmão» e os galegos «irmán» («irmau» no meu dialecto ribeirau). Houbo un galeguista preclaro e non alleo ao socialimo, Xohán Vicente Viqueira (1886-1924), que, nunha famosa ocasión, interpelou aos seus camaradas, aos seus «irmáns» animándoos a que construísen unha sociedade na que non houbese «hermanos»: unha sociedade que fose unha «irmandade».