A OCU e a síndrome de Robin Hood

OPINIÓN

Javier Etxezarreta

19 jul 2019 . Actualizado a las 12:33 h.

Na infancia gozamos cos triunfos do pequeno David contra o xigante Goliat ou do aventureiro Ulises contra o ciclope Polifemo; tamén coa lenda das andanzas, no bosque de Nottingham (Inglaterra), dun proscrito que roubaba aos ricos e repartía os cartos aos pobres: Robin Hood.

Por iso, as noticias que aseguran a grande calidade de cremas faciais de marcas brancas a 3 euros, ou que un produto vendido nos establecementos de distribución recoñecidos teñan mellor relación calidade/prezo, batendo a produtos máis caros, comportan ese espírito xusticeiro.

Algo así ocorreu o pasado 30 de maio. A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) analizou protectores solares pediátricos, un tema candente para calquera pai e nai. Non é cuestión banal: a FDA, a axencia estadounidense de alimentos e medicinas, equipara hoxe os protectores solares ás medicinas en materia de seguridade. A razón é que a radiación solar produce danos na pel: manchas, arrogas, queimaduras... ata tumores e incluso o temido melanoma. O chamativo foi que a marca Babaria posicionada na gama media comercializaba un produto con factor solar 50, que era de só 30; e que Isdín, na que se focalizou a polémica por ser líder no mercado español, da gamma media-alta, vendía un produto con factor 50 que rendía só protección de 15.

Fraude? Defecto? As marcas negaron calquera problema e o Ministerio de Sanidade reclamou información exhaustiva ás tres entidades.

Pasado máis dun mes -tic-tac, tic-tac...- o ministerio emitiu o pasado luns, 8 de xullo, o seu ditame, no que desminte que os produtos denunciados pola OCU teñan defectos de fabricación ou que exista fraude. Resultado que algúns xa prevíamos: máis alá de non entender o interese da marca líder en España en enganar co factor de protección solar, tiñamos apreciado tres detalles:

1.- Ausencia de denuncias: se un pai lle aplica a un neno unha crema solar crendo que ten factor 50, pero que ten SPF 15, aparecerán queimaduras de inmediato. E os pais españois non se andan con chiquitas en materia de saúde; a preocupación polos nenos é continua nas consultas de médicos e pediatras.

2.- O Ministerio de Sanidade non lanzou alertas sanitarias, nin adoptou medidas cautelares (suspensión ou retirada dos produtos)

3.- A OCU mantén en secreto os laboratorios onde realiza as análises, o que impide discutir as súas capacidades técnicas reais.

As asociacións que defenden aos consumidores cumpren un papel esencial na nosa sociedade. E a OCU é unha das máis coñecidas, cunha historia de xa 45 anos. Pero non son infalibles. Tamén é certo que necesitan de cando en vez destapar algún suposto escándalo; é se é xusticeiro (os produtos baratos son bos, e os caros, malos) a cidadanía concederalle á entidade o premio Robin Hood.

Se despois a denuncia non se confirma, non pasa nada, o dano xa está feito e a promoción da revista da OCU realizada. Pero falamos de saúde. Conviña ser prudentes, que diría Baltasar Gracián.

MÁS INFORMACIÓN