Ao final todo é un relato. O que conta é o relato, que é percepción que temos das cousas e de nós mesmos. Pablo Iglesias vén de dar un pinchacarneiro efectista que, irremediablemente, obriga a resituar o discurso destes últimos días arredor da posibilidade dun goberno de coalición ou participación presidido por Pedro Sánchez. Está por ver como queren denominar un posible acordo. Dende o pasado 28 de abril, cando as eleccións xerais, e dende a volta das eleccións municipais e autonómicas do pasado 26 de maio, asistimos a un xogo de declaracións, pronunciamentos, representacións, efectos mediáticos dirixidos todos eles ao corpo social, o posible electorado, para formalizar o discurso que explique non tanto o resultado final dos feitos, sexa este cal sexa, como a identificación de responsabilidades, méritos e demérito das partes. Porque a cuestión non parece ser tanto o que se acorde como a significación que cada quen teña nese acordo, a imaxe social que o electorado perciba de cada protagonista.
No bloque da dereita sucede exactamente o mesmo: Ciudadanos non quere saír na foto con Vox, pero está decididamente por un acordo a tres bandas. Hai tempo que dinamitaron as pontes dun posible entendemento co PSOE, o que sitúa o partido de Albert Rivera nunha posición certamente comprometida respecto do discurso que inicialmente mantiña. O esforzo da mediación consiste agora en como presentar as cousas diante da opinión pública.
E todo funciona coma nunha partida de cartas, aínda que non son quen de identificar exactamente o xogo: ás veces parece póker, outras veces a sete e media (ou te pasas ou te quedas), outras veces o tute subastado (tamén por momentos o chamado «tute cabrón»), outras veces a brisca, o chinchón, o mus, o tresillo… En calquera caso a representación, os movementos de cartas, as poxas e os envites forman parte do discurso e o relato vén retransmitido case que en tempo real pola gran novidade que impoñen os tempos: a comunicación de masas, moi principalmente as redes sociais, ese rebumbio desenfreado onde os filtros desaparecen, ou mellor: onde as estratexias de manipulación son esmagadoras e na inmensa maioría dos casos actúan con absoluta impunidade. Todo serve se funciona (se ten os efectos sociais que buscamos). A realidade (os feitos) queda nun segundo ou terceiro plano, substituída polas percepcións: o relato que se nos impón e que, irremediablemente, condiciona as nosas opinións e as nosas condutas. Non é un proceso racional, é un proceso emocional. Os grandes investimentos económicos e tecnolóxicos que dende hai tempo se veñen realizando neste ámbito todos van na mesma dirección: a construción do relato que explique as cousas tal e como os axentes protagonistas (propietarios) queren explicalas, para que compremos o discurso, igual que na publicidade.