
Pertenzo á primeira xeración en setenta anos de historia familiar da que se agarda o uso de suxeitador. As avoas chamábanlle sostén, e non lles parecía imprescindíbel. Quizais por iso, e para escándalo dun certo feminismo, eu só o uso por estética sexi. Gústanme as súas eróticas puntillas e suaves rasos, moi útiles. Quizais tamén entendo que algo abriga, penso agora, porque no verán, igual ca Melania Trump, mamá e as avoas, non adoito levar suxeitador.
Publicar isto tamén me achega a Melania, pois sei que me condeno ao escrutinio público. Os lectores mirarán disimuladamente, coa esperanza de ver na rúa algo que van fartos de ver na praia. As lectoras recomendaranme unha sorte de uso médico do suxeitador moi estendido para xustificar que oprime e reprime (a non ser, coido, no meu uso invernal), e lembraranme debidamente que estou lonxe de ter os peitos da señora Trump, o seu corpo, a súa roupa e, sobre todo, o seu poder. Diranme, tamén, que o Capital lle puxo o nome de braless a unha tendencia destinada a vender axustadas camisetas de tirantes que fan as delicias deses que, cando nos miran, só ven en Melania e en min tipas sen suxeitador.
Pero todo iso emparéntanos a Melania Trump e a min coa Beauvoir e as nunca ben choradas feministas radicais dos sesenta. Sabemos que todas somos corpos alleados. Só físico para usar, tirar e xulgar, criticábeis se nos depilamos ou non, se pomos suxeitador ou non, se nos tinguimos ou non. Pero penso nesa campaña do feminismo norteamericano que popularizou o lema Free Melania, ao que ela dá estas respostas desde a súa gaiola de ouro. Cando unha muller tira o suxeitador, renunciou xa aos sosténs que lle ataban a liberdade. A revolución.