Abraian as mortes de youtubers e a súa casuística absurda: comendo cempés, tirándose en parapente, conducindo unha moto cos pés ou guiando un patinete eléctrico pola estrada. A obsesión por non perder interese nas redes leva a unha perda do anonimato e a unha sobreexposición pública que ás veces pasa unha factura fatal. Coido que estamos a chegar a un punto sen retorno.
Lembro hai un par de anos, cando me convidaron á feira do libro de Buenos Aires, vin que na delegación galega ía un mozo de apenas 21 anos sen ningún libro publicado que acudía en condición de booktuber, unha sorte de influencer literario que, con milleiros de seguidores, foi a estrela da delegación. A miña desconfianza inicial con el virou en respecto cando o escoitei falar e vin que tiña un discurso ben interesante, aínda que este fose dirixido a unha franxa determinada de idade e a un tipo de literatura que el mesmo xa deixaba atrás. Lembro a euforia coa que o paraban pola rúa para o saudaren con admiración. E mentres outros falabamos en salas para 20 persoas el tiña ringleiras de fans que lle traían agasallos. Malia todo, era doado sospeitar nel un algo de incomodidade con tanto asalto, mesmo certo cansazo pola invasión da súa intimidade. Se cadra, máis ca timidez, era síntoma de intelixencia ou de que quería apearse a tempo desa enxurrada de popularidade. Non o sei. Con todo, cavilei no ben que nos viría a moitos escritores ter un tipo de axitador así nas redes que espertase o interese masivo pola nosa obra. Venderiamos libros ás moreas e mesmo teriamos que nos agachar para reservar a nosa intimidade. Talvez. Mais eu conformeime nesa feira con saber que, en Lugo, a nai do booktuber seica estaba a ler a miña última novela. Ese era todo o meu éxito. E non pouco.