20 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vez que entrei nun estudio de gravación foi no ano 1987 para gravar o primeiro elepé de Luar na Lubre. Era un estudio profesional da Coruña que a día de hoxe xa non existe, pero que naquel intre era o mellor do que tiñamos á man. De alí saíron uns cantos discos de música galega, e sobre todo da local. Os seus xestores eran músicos de renome que dalgún xeito avalaban e garantían un bo resultado, aínda que todo dependía da inversión económica que se puidera facer. Daquela a ilusión era grande, e o feito de facer un disco era como meterse nunha fermosa aventura que daría como resultado a música que, finalmente, moita ou pouca xente escoitaría nas súas casas, coches ou onde desexase.

Pero os estudios de gravación teñen unha parte de dureza, frialdade e incluso un algo de crueldade. Nel é onde un se atopa coas súas propias limitacións e carencias, sobre todo sendo un músico novato. Alí non pode fallar nada porque todo está perfectamente pautado, e cada instrumento debe casar o máis perfectamente posible co resto para dar como resultado un traballo ben feito, no que hai que tentar resaltar a interpretación artística, a paixón e a expresión.

Na friaxe do estudio apenas te podes mover. Os micros son tan sensibles que semellan recoller ata o son da alma. Así, ese silencio absoluto co estatismo crea un punto de nervios que inflúe á hora de interpretar que medra exponencialmente coa inexperiencia, ata o punto de que se te equivocas varias veces ao final simplemente tocas, sen facer o esencial, que é expresar. Por iso ás veces os discos soan máis fríos que os directos, a pesar de seren produtos do mesmo ou dos mesmos músicos. Dende aquela primeira vez xa teño pasado por moitos estudios en diferentes cidades e países (Madrid, Barcelona, Bruxelas ou Irlanda), tanto en gravacións propias como formando parte como convidado. Agora gozo plenamente do que fago, e intento que a xente teña esa mesma sensación ao escoitar. Iso si, por fortuna a evolución no xeito de gravar mudou moito, e para ben nos últimos anos, o cal é moito de agradecer.