Para Cansinos-Asséns viaxar é só un movemento da imaxinación, algo fantástico para os sedentarios, ou unha tortura cando viaxas con mentalidade de pobre e o queres ver todo, mallando o corpo moito máis que cando estás a traballar. Gustaríame saber cal é a porcentaxe real de viaxeiros no sentido estrito da palabra, é dicir, persoas que marchan só con billete de ida e vocación de descuberta, dispostos a se perder ou bater con algo imprevisto. Sospeito que cada vez quedan menos porque non é doado saír dos circuítos turísticos, desas visitas imprescindibles, desa obsesión por esgotarmos o mundo, de estarmos nos lugares máis importantes que adoitan figurar nos catálogos das axencias. O viaxeiro está feito doutra pasta. Un meu amigo que leva viaxando dende hai corenta anos polo mundo sempre di que para viaxar hai que aburrirse. Ten que haber momentos de perda, de non saber que facer, de abrirse á perspectiva dun encontro, de subir a un autobús ateigado de oriúndos que van ou volven do traballo. A diferenza dese tempo co do turista descansa no verbo. Nun caso estamos e no outro pasamos. Hai quen, malia viaxar moito, nunca sae da casa, e máis agora que veñen días de exhibición nas redes con esa enxurrada de fotos que se suman ás que xa radiaron en directo e sen ningún pudor na viaxe. Para a maioría de nós a viaxe confirma o lugar de orixe. Manuel Vicent di que descubriu o Mediterráneo no Café Xixón. Iso non é malo, porque explica que a medida do mundo está en nós. O peor é cando de todos os lugares visitados non traemos máis ca fotos e vídeos que temos que mirar unha e outra vez para nos preguntarmos se a viaxe pagou a pena.