O verdadeiro cambio

OPINIÓN

30 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O verdadeiro cambio que este país necesita ten moi pouco que ver, infelizmente, cos ofrecementos electorais dos partidos nos últimos tempos, ademais ben escasos de contido. Un cambio, por outra banda, moi urxente se queremos deixar dunha vez de ser diferentes, unha especie de rara tipoloxía, entre folclórica e churrusqueira.

 O verdadeiro cambio que cómpre, e que urxe, é o cambio nas maneiras, nas actitudes, nos comportamentos. «A ver se temos maneiras», era un correctivo que, cando nenos, escoitabamos en tantas ocasións nas casas duns e doutros. Polo andar coñécese á deusa, dixo Virxilio. Polas maneiras, actitudes e comportamentos coñecemos ás persoas. E a política, folga dicilo, faise por persoas para as persoas.

Ese cambio é dun grande radicalismo, pois vai á raíz das cousas, porque supón ou esixe un cambio de cultura de cento oitenta graos, que nos poida levar a crear outras maneiras, outras actitudes, outros comportamentos. A política non pode seguir sendo un galiñeiro de galiñas entolecidas ou un circo de feras que se esnaquizan entre si

Cultura que pouco ten que ver cos libros e si con actitudes, entre outras, como o respecto, a tolerancia, o amor pola diversidade, o saber escoitar ou aprender a falar para comunicar e relacionarnos cos demais sen recorrer á aldraxe, á descualificación ou ao embuste. Non é pouco o cambio que se suxire. ¿Haberá alguén que o queira asumir?

¿Como se pode acadar semellante marabilla, tan ausente destes eidos? Non hai outra maneira máis ca tempo e convivencia. Porque tempo e convivencia é o que os demais países dedicaron para chegaren a onde hoxe están. Mais tampouco estaría mal que todos se coidasen un pouco máis das súas maneiras, actitudes e comportamentos. Unha mínima pedagoxía, ao cabo.