Galicia e o cambio climático: fóra vitimismo

Xavier Labandeira TRIBUNA

OPINIÓN

FELIPE TRUEBA

15 oct 2019 . Actualizado a las 10:03 h.

Galicia encóntrase hoxe nunha situación moi complexa e nunha encrucillada histórica. Hai uns días presentábase na Universidade de Vigo o recente informe do IPCC (Panel Intergobernamental do Cambio Climático) sobre océanos e criosfera, que alerta de significativas afectacións da costa e dos recursos mariños como consecuencia do cambio climático. Un país tan dependente do mar como o noso ten razóns abondo para preocuparse por este fenómeno, pero as sombrías perspectivas dun cambio climático cada vez máis acelerado que terá implicacións en practicamente todas as nosas actividades e benestar esixen planificar e comezar unha adaptación global e a grande escala. Tamén xustifica unha redución rápida e intensa das nosas emisións causantes dos fenómenos de cambio climático.

Porén, a redución de emisións non só resposta ao interese dunha sociedade, como a galega, particularmente vulnerable ao cambio climático. Como país desenvolvido e parte da UE, espérase que Galicia chegue a mediados de século practicamente descarbonizada para poder cumprir así cos obxectivos do Acordo de París (limitar a suba da temperatura a 2 graos con respecto ao período preindustrial). De feito, a nova Comisión Europea terá como prioridade a loita contra o cambio climático e as institucións da Unión están avanzando cara unha considerable intensificación dos obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030, literalmente á volta da esquina. É probable que o actual obxectivo de 40 % de redución de emisións en 2030 respecto ao ano 1990 mude proximamente ao 50 ou 55 %, para chegar a máis de dous terzos en 2040 (non fixado) e a emisións case nulas dez anos despois. Un entorno como o descrito esixirá unha mudanza fundamental nas economías europeas, e particularmente na galega. Teremos que prescindir do uso de todos os combustibles fósiles, comezando polo carbón pero continuando co gas natural e os derivados do petróleo. Teremos que modificar partes importantes do noso actual tecido económico e construír novos sectores e actividades para os que, afortunadamente, Galicia está ben dotada tanto en termos de recursos naturais como de capital humano. Velaí a encrucillada, porque estes procesos levan tempo se queremos desinvestir ordenadamente e cun investimento acompasado en sectores compatibles cos obxectivos climáticos. E conforme demoramos a nosa actuación, os custos socio-económicos dispáranse porque é moi traumático ter que desmontar apresuradamente estruturas produtivas sen ter as actividades de reemprazo listas. En certa medida, o que estamos a ver en Galicia co anunciado cese de actividade da central térmica de As Pontes ilustra o precedente: un shock que chega de súpeto e causa importantes disrupcións económicas a familias e empresas, pero que podería terse evitado cunha regulación pública menos acomodaticia e curtopracista nos últimos anos e que tivese quebrado as inercias. Volvo a insistir nos tempos: cumprir cos obxectivos a 2030-2050 esixe actuar a gobernos, empresas e cidadáns de forma intensa desde xa porque os procesos económicos de montaxe e desmontaxe non son instantáneos. A encrucillada á que nos enfrontamos non é doada. As primeiras dores están xerando moita alarma social e é normal que os decisores políticos adopten posicións reactivas, en ocasións poñendo en dúbida a utilidade de instrumentos cruciais de política climática como os mercados de carbono, aos que se acusa das disrupcións antes mencionadas. Mercados que son de feito fundamentais para conseguir unha transición ordenada e o menos custosa posible á descarbonización, nos que a UE está marcando o camiño para o mundo (lembremos que China acaba de crear o seu mercado nacional de carbono), e que por fin presentan prezos que se aproximan aos danos que causan as emisións precursoras do cambio climático. Niveis de prezos, por certo, que non responden á actuación de especuladores, como algúns están afirmando en Galicia estas semanas, senón á obrigada redución da oferta para cumprir os obxectivos europeos e á creación de mecanismos de estabilización de prezos.

¿Como proceder na encrucillada? Creo que o máis recomendable para a nosa sociedade é tomar conciencia da irreversibilidade da mudanza á que nos enfrontamos e poñerse mans á obra o antes posible. Non é o momento de parches, vitimismo ou atrincheiramento, senón de definir áreas de políticas que incidan no sector privado para facilitar unha transición o menos custosa posible ao futuro. As administracións e o tecido empresarial galego teñen así un papel sobranceiro, que ha de aliñarse coas directrices da UE para cumprir co Acordo de París. Por suposto isto non é incompatible con protexer aos que se están a ver prexudicados polo cambio.

Precisamos programas específicos, costeados por todos, para compensar aos afectados polas disrupcións e para axudalos a buscar acomodo nas novas actividades que han de xurdir.

Lembremos, porén, que os recursos son limitados e que é responsabilidade fundamental dos decisores políticos introducir medidas que rompan coas inercias, leven ao cambio gradual e eviten shocks como os que estamos a ver estes días no noso país.